A mocidade galega vivimos vidas cada vez máis precarias. Á precarización e sobre-explotación laboral, as crecentes dificultades de acceso a unha vivenda, así como as propias dificultades para atopar emprego e a necesidade de emigrar en moitas ocasións, hai que sumarlle agora a brutal carestía da vida. Estes problemas non lles preocupan en absoluto ás forzas sistémicas, que procuran unicamente engordar os beneficios do capital. Como exemplo disto, un caso extremo: o propio goberno autonómico do PP afirmaba, hai uns días, que non tiña promovido vivenda pública antes porque non detectara o problema.
Diante disto, o movemento nacionalista galego no seu conxunto e particularmente Galiza Nova, o BNG e a CIG, veñen defendendo alternativas urxentes e necesarias para facerlle fronte a esta situación, a partir do avance da mobilización e a conflitividade social, ben como do traballo institucional, fronte á axenda regresiva do Estado e da Xunta. Deste xeito, desde Galiza Nova, nesta segunda parte da campaña da carestía da vida, promovemos a realización dunha ILP, para cando menos demandar ao goberno autonómico que realice un estudo específico sobre a situación laboral da mocidade galega e o deseño dun plan de emprego xuvenil que mellore significativamente as condicións laborais da xuventude, fronte ás actuais condicións de brutal precariedade e temporalidade laboral.
Ao mesmo tempo, cómpre ter claro que o conxunto das nosas problemáticas teñen unha raíz común onde debemos situar o foco, isto é, o capitalismo e a dependencia do noso país. Cara a esa raíz é cara onde debemos apuntar prioritariamente. Un sistema baseado no lucro dunha minoría e non nas necesidades da maioría da poboación
As privatizacións e o desmantelamento dos servizos públicos, os salarios de miseria que non compensan a suba dos prezos, as reformas anti-obreiras ou a axenda belicista e imperialista da OTAN que incrementa aínda máis o empobrecemento masivo, son dinámicas propias do sistema e nas que tanto o goberno autonómico do PP como o “goberno progresista” estatal do PSOE-Podemos, están esencialmente de acordo.
Todo isto nun contexto galego onde hai que engadir os problemas estruturais froito da dependencia do noso país, agravada coa integración na UE. Desertización industrial, abandono do rural, perda de calquera soberanía alimentar, desvertebración territorial do país cun modelo de transporte non pensado nas nosas necesidades etc. Consecuencias da nosa subordinación a Madrid e Bruxelas, nunha Galiza que non pode dispor libremente da súa estrutura socioeconómica e produtiva para usala a servizo do benestar do pobo galego.
Para as recorrentes crises capitalistas non hai unha saída xusta dentro deste sistema. Unhas crises que exemplifican que dentro do marco vixente hai unha marxe cada vez menor para reformas favorábeis aos intereses da maioría ou que cando menos poidan paliar esta situación. As mozas vemos como as constantes agresións do poder dominante están a queimar o noso futuro.
Porén, hai alternativa. Partindo das loitas concretas por mellorar as nosas condicións de vida, podemos avanzar na nosa organización, proxectando un futuro radicalmente diferente. Un futuro que non ten encaixe dentro das estruturas e aparellos institucionais garantes da nosa miseria, como o Estado español, a UE e a OTAN, mais que pasa pola construción dunha República galega ao servizo das clases populares. Un modelo de país soberano, cunha planificación autocentrada da economía e o desenvolvemento das nosas capacidades produtivas en función das necesidades sociais e non do lucro dunha minoría.
Eis o sentido de erguermos poder popular desde a base, organizándonos nunha ferramenta como Galiza Nova. Porque desde as conquistas máis elementares até as máis avanzadas, as mozas, con organización e loita, podemos gañalo todo!