Crónica da participación nas I Jornades LGBTI dels Països Cataláns

Estes 9, 10 e 11 de xuño, desde a Asemblea Nacional LGTBI de Galiza Nova, participamos das I Jornades LGBTI dels Països Catalans organizadas pola Crida LGBTI. Sob o lema “Organitzem-nos” decorreron múltiples palestras, mesas redondas, talleres e tamén houbo lugar para reivindicar a cultura dos Països Catalans en concertos e actividades político-festivas.

As xornadas comezaron cunha palestra de presentación de diversos colectivos, algúns acabados de nacer e outros xa con anos de experiencia, que traballan no eido LGTBI nos Països Catalans. O primeiro dia rematou cun concerto reivindicativo e que serviu de punto de encontro para coñecer ao resto de colectivos e persoas que participaron das xornadas.

Falouse sobre o Capitalismo Rosa onde se debateu sobre a apropiación por parte do capital da loita LGTBI para sacar beneficios económicos, tentando sacar conclusións para combatelo. Tamén se tratou o tema nacional coa perspectiva do colectivo LGTBI fronte ao proceso constituínte da República Catalá.

Galiza Nova participou dunha mesa redonda sobre o movemento xuvenil e a loita LGTBI coas compañeiras de Purna (organización xuvenil de Aragón), Joves Trans de Barcelona (organización xuvenil de persoas trans de Barcelona) e a Crida LGTBI, o colectivo LGBTI organizador das xornadas.

Nesta palestra puidemos compartir a nosa experiencia destes meses de traballo da AN LGTBI, así como tamén explicar a nosa relación con diferentes actores políticosociais de toda Galiza. Serviunos para ver como se traballa na loita LGTBI nas diferentes organizacións e sen dúbida serviranos para poder sacar conclusións útiles que nos permitan avanzar na construción dun mundo de diversas e iguais.

Tamén traballamos en diversos talleres impartidos por diferentes colectivos sociopoliticos dos Països Catalans, onde se abordaron as cuestións dunha maneira moito máis práctica, cooperando entre todas para mudar a nosa realidade diaria. E para rematar abordouse o tema da interseccionalidade, onde puidemos ver que todas as loitas van unidas da man, que precisamos unir forzas para transformar o mundo.

Desde a asemblea LGTBI de Galiza Nova avaliamos de maneira moi positiva termos participado destas primeiras xornadas para poder explicar o noso traballo mais tamén para poder coñecer a realidade da loita LGTBI noutros países e a situación de diferentes organizacións.

Entre toda a diversidade de organizacións e colectivos conseguiuse crear un espazo de cooperación entre pobos baixo unha loita común, a loita por construírmos unha sociedade onde a diversidade sexa un valor fundamental. Construíuse un espazo de amizade entre todos os colectivos que supón un avance na suma de forzas para mudar este sistema que nos invisibiliza,nos ataca e nos oprime.

Queremos mostrar o noso máis sincero agradecemento á Crida LGBTI e ao resto de organizacións, colectivos e persoas que fixeron posíbel levar estas xornadas adiante. Xornadas que valoramos imprescindíbeis, pois nun mundo que da medo a solidariedade danos forza para seguir a construírmos o futuro. Visca la lluita LGBTI!