A XVI Asemblea Nacional de Galiza Nova, celebrada o 11 de setembro en Pontevedra, elixiu a Marta Gómez como nova Secretaria Xeral da organización. A candidatura presentada pola Dirección Nacional saínte obtivo un 74.23% dos votos fronte ao 24.74% da candidatura “Unha Ponte Nova”.
O encontro caracterizouse polo debate para mellorar o traballo e o papel da organización xuvenil do BNG. Pola mañá tivo lugar un grande exercicio de autocrítica, onde se analizaron os erros e se puxeron en valor os acertos, que finalizou coa aprobación do informe político da Dirección Nacional.
Xa pola tarde, houbo un amplo confronto de ideas para definir entre todas a nova estratexia xuvenil nacionalista, ficando aprobadas as teses da organización ao final da xornada. A través delas, Galiza Nova analiza a situación da mocidade galega, detectando as causas e culpables da mesma e propoñendo alternativas e solucións para lograr unha Galiza ceive e popular. Así, dotouse para os vindeiros anos dunha nova estratexia xuvenil nacionalista e un proxecto para unha acción política e social revolucionaria a favor da independencia de Galiza e da conquista dun futuro mellor para a mocidade galega.
A estratexia aprobada reafirma a Galiza Nova como ferramenta chave para aglutinar á mocidade, ampliar a conciencia nacional das persoas máis novas e proporcionarlles unha organización útil, plural e aberta, ao tempo que marca como imprescindible dinamizar e axilizar a estrutura da organización, así como aumentar o activismo e o traballo social e político en todas as frontes. Nesta liña tamén se destaca como fundamental relacionar os problemas e intereses diarios da mocidade galega co ideario nacionalista, onde se atopa a resposta a todos eles.
Logo dun amplo e rico debate, grazas á participación das militantes de Galiza Nova, Marta Gómez afirmou na clausura que “é indispensable o papel de toda a mocidade para a construción dunha Galiza Ceibe e cada acción na que o nacionalismo dá a batalla achéganos un paso máis ao noso obxectivo”. Galiza Nova comeza unha nova etapa na que se marca como obxectivos recuperar o papel mobilizador da sociedade e ampliar a base xuvenil nacionalista.
A DIRECCIÓN NACIONAL
A Dirección Nacional entrante, froito de conxugar de xeito proporcional as dúas candidaturas presentadas, combina militancia con experiencia na organización cunha ampla renovación de mozas e mozos e representa unha ampla representación de todas as comarcas do país para poder tender e entender a realidade de todo o territorio, así como comprende as distintas correntes e sensibilidades que existen no seo de Galiza Nova:
- Marta Gómez Martín. Nova Secretaria Xeral de Galiza Nova (Pontevedra – Caldas).
- Elia Lago (O Condado- A Paradanta).
- Alberte G. Nicolás (A Coruña).
- Nazaré Estévez (O Ribeiro).
- Iria González Domínguez (Arnoia – A Limia).
- Daniel Castro García (A Mariña).
- Mery Seijas Rodríguez (Lugo).
- David Neira Caridad (A Coruña).
- Sara Gómez Fernández (Lugo).
- André Vidal Capón (Baixo Miño).
- Antía Fraga Seijido (Ourense – O Carballiño).
- Martín Graña Pérez (A Mariña).
- Sara Lourenzo Costas (Vigo).
- Nerea Dosil (A Estrela).
- Sergio Simons (Vigo).
- Iria Vázquez Puentes (Pontevedra – Caldas)
- Anxo Núñez Fernández (A Estrela).
- Sabela Méndez Casteleiro (Baixo Miño).
- Nuno Galán Alves (Vigo).
- Carmela Franco Caaveiro (Ferrolterra).
- Diego Bará Louro (Pontevedra – Caldas).
- Nerea Cazás Fraga (Baixo Miño).
- Adrián Vázquez Rodríguez (A Coruña).
- Navia Rivas De Castro (Compostela – Ordes).
- Iago Lourenzo Santamaría (O Salnés).