Esta fin de semana organizamos na comarca da Coruña a XIX edición das Xornadas de Historia de Galiza. Conscientes de que o coñecemento da historia da nosa nación é un requisito indispensábel para poder actuar con consecuencia na sociedade actual, nestas xornadas tratouse a Historia Medieval da Galiza, que foi ocultada e negada ao longo dos séculos en beneficio do proxecto nacional imperialista español.
Outra temática a tratar foi a da memoria histórica e o espolio que padeceu a cidade da Coruña nos tempos da ditadura franquista, dende a Casa de Cornide ata o Pazo de Meirás, pasando polos terreos do porto foron roubados ao pobo galego polo fascismo, e fíxose fincapé na necesidade da súa devolución, así coma na da reparación de todas as persoas que foron perseguidas e represaliadas na Galiza polo seu pensamento.
Froito do debate, laméntase a falta de contundencia da Xunta e do goberno municipal da Coruña á hora de reivindicar a devolución do roubado polo fascismo e os militares, logo da falsa transición e o estabelecemento do réxime do 78 no estado español.
Nestas xornadas tamén houbo lugar para reivindicar a importancia da loita das mulleres ao longo da nosa historia pola liberación nacional e social do noso pobo, así coma a conmemoración do primeiro casamento homosexual entre dúas mulleres na Galiza, que tivo lugar na cidade da Coruña ao comezo do século XX.
Por último tivo lugar un debate entre a militancia para analizar dun xeito colectivo a importancia da Historia e do seu coñecemento na construción nacional da Galiza e á hora de defender o noso dereito á soberanía coma unha nación en pé de igualdade cos demais pobos do mundo.