A comarca dos Ancares acolleron este ano as Xornadas sobre a Historia de Galiza, un encontro formativo para a militancia e simpatizantes do movemento xuvenil nacionalista que no mes de decembro organiza Galiza Nova desde hai 16 anos.
O sábado 20 de decembro, máis de 50 moz@s concentráronse en Piornedo para coñecer a vida nas pallozas dos Ancares até hai ben poucos anos, a construción destas vivendas, os espazos de socialización e de traballo, os costumes, as dificuldades do día a día, e reivindicouse cun acto simbólico a defensa do patrimonio material e inmaterial galego, e esixiuse o arranxo inmediato destas pallozas que levan en pé máis de 2.000 anos. En Piornedo, as mozas e mozos achegáronse á palloza-museo para coñecer tamén de primeira man cal é a problemática á que se enfrontan as persoas propietarias das pallozas tras a eliminación das axudas públicas para a reconstrución dos teitos de palla destas construcións de orixe castrexo.
A militancia de Galiza Nova congregouse este nadal nos Ancares
Esta comarca, que amosa o pasado histórico de Galiza, acumula a loita pola defensa do propio e é mostra do abandono do rural galego, como tamén amosa a situación de deterioro do castelo de Doiras, que tamén se visitou, e que forma parte da historia e das lendas desta zona da nación.
A loita contra o encoro de Navia, foi a temática sobre a que versou o debate que contou coa participación de Suso Méndez, coñecido coma Suso de Navia, veciño da zona e militante nacionalista, quen resaltou como foi a evolución deste conflito que ten ameazada a vida da veciñanza desde que, en pleno franquismo, se concedesen as licencias de aproveitamento hidroeléctrico. Un concello ameazado até a actualidade con ser soterrado baixo as augas do encoro, que resiste grazas a loita do pobo e do nacionalismo, mais que sufriu a sangría poboacional ao a xente emigrar por viviren sempre baixo a ameaza de ser asolgada. Un claro exemplo de colonialismo da Galiza, da espoliación dos nosos recursos, a destrución do territorio e a aniquilación do futuro por mans do estado español, que tanto el como as oligopolios empresariais explotan o noso pobo para levaren todos os beneficios a Madrid.
Tras unha noite de convivio e músca popular, na xornada seguinte ralizose a ruta de Xantes a Vilarello, un roteiro acerca de trashumancia vertical no val do río Ortigal, guiado por Hugo López, compañeiro de Galiza Nova na comarca dos Ancares e gandeiro, quen explicou o patrimonio natural e a biodiversidade existente neste entorno.
Xa de volta en Lugo, Galiza Nova xuntou máis de medio cento de mozas e mozos para reivindicar aos pés da muralla romana o dereito de Galiza a contar con seleccións deportivas, nacionais e oficiais, e o dereito a poder xogar e competir en pé de igualdade con outras equipas de nacións do mundo, e denunciouse que o PP eliminara os encontros deportivos das seleccións galegas e as axudas ao deporte galego de base.