Esta fin de semana organizamos as XX Xornadas de Historia da Galiza na cidade de Lugo. Lembrando a celebración nesta cidade en novembro do 1918 da Asemblea Nazonalista de Lugo levaron por “100 anos do nacionalismo galego” e sendo conscientes da necesidade de coñecer a historia e o avance da nosa ideoloxía política para mellorar a nosa acción e incidencia social na Galiza de hoxe.
Un dos principais obxectivos fixados pola nosa XV Asemblea Nacional foi redobrar a aposta póla formación teórica e práctica da militancia. Neste senso, nestas xornadas tratamos a vixencia do pensamento nacionalista e as súas análises ao longo do tempo e das circunstancias do noso país.
Durante estas xornadas, desenvolvemos palestras e debates sobre a evolución organizativa do nacionalismo galego, sobre a historia e momento actual do feminismo en Galiza, así como talleres de comunicación e práctica política. Ademais organizamos unha visita guiada á Casa Museo Manuel María, militante de honra de Galiza Nova e un incansábel militante do nacionalismo galego, na veciña localidade de Outeiro de Rei.
A evolución do pensameto político de Castelao tamén estivo presente, como referente do nacionalismo galego ao longo da súa historia.
Un dos puntos chave destas xornadas foi a importancia da autoorganización do pobo galego en calquera ámbito, para rachar coa dependencia colonial que vivimos e para conquistar, máis cedo que tarde os nosos obxectivos estratéxicos: a liberación nacional e social da Galiza. É por isto que a autoorganización e a necesidade de soberanía estivo presente durante todas as xornadas.