Crónica das XXVI Xornadas da Mocidade Galega

xornadasEsta pasada fin de semana do 19 e 20 de Setembro discorreron as XXVI Xornadas da Mocidade Galega, e que este ano tiveron lugar na comuna de Ernes, na comarca do Burón. Trátase este espazo dunnha zona especial pola existencia nel dunha comunidade autoxestionada que non se rixe polas leis do sistema actual e da que aprendemos nestas Xornadas, así coma un espazo no que coñecer de primeira man a natureza galega, apenas influída por mans humanas.

As persoas asistentes foron recibidas polo veciño da comuna Salva, e compañeiro do BNG, membro da cooperativa da aldea de Ernes e dirixente da Asociación pola Defensa do Lobo. Este agradeceu a presenza alí das asistentes ás Xornadas e explicou a historia do nacemento da súa comunidade como comuna que ocupou os terreos de Ermes contra os anos 70 que foran deshabitados por mor da creación dun encoro durante o franquismo.

As xornadas arrincaron cun coloquio sobre a loita das mulleres labregas galegas, para o que contamos con Maite Ferreiro, actual concelleira do BNG no concello de Lugo e foi primeira responsábel da Secretaría da Muller do Sindicato Labrego Galego. Posteriormente, realizamos un roteiro pola zona guiado por Salva e Xaquín, veciños de Ernes, no cal ademais de apreciar o impresionante paraxe natural no que discorrían as xornadas, foi moi alta e construtiva a participación e posta en común de ideas sobre o rural galego, o seu progresivo decaemento nas últimas décadas e a súa necesaria recuperación como piar fundamental da nosa economía.

Pola noite realizouse un obradoiro de sexualidade e diversidade conducido por Olalla Rodil, membro da Permanente de Galiza Nova no cal o debate e o intercambio de ideas foron de novo protagonistas. Como punto festivo as xornadas remataron o seu primeiro día con música do país trala cea cunha Foliada con música popular.

Xa no domingo as actividades continuaron coa charla sobre Soberanía Alimentar na que resaltamos a necesidade de Galiza ser un pobo soberano para poder decidir sobre a nosa produción e os nosos riquísmos recursos naturais que están a ser expoliados por España e a UE sen recibir o noso pobo retribución algunha: son casos da pesca, o sector leiteiro ou a electricidade.

Coñecemos o xeito de vida das e dos habitantes de Ernes cunha visita ás instalacións da cooperativa que xestionan e que realiza produtos para a súa distribución no Mercado da Terra de Lugo de xeito natural e non industrial, tales coma zumes de diferentes froitas, pan ou mel. É este modo de vida outro tipo de resistencia cara este sistema cruel e corrupto no cal só se busca o beneficio económico.

Para finalizar e dar remate ás xornadas contamos coa charla do compañeiro de Galiza Nova e concelleiro en Lugo Rubén Arroxo co título de Independencia para mudalo todo, na que nos achegamos á independencia coma un medio para chegar á soberanía real de Galiza, o único medio para conseguirmos a nosa emancipación nacional coma pobo e rachar coa opresión que sufre a mocidade galega.