CRTVG: Suxéitame o cubata. Artigo Iago Suárez

Iago Suárez é Deputado polo BNG e Responsábel Nacional de Formación de Galiza Nova

Esperpéntica, dantesca, grotesca, aterradora, arrepiante… Non, non estou a imitar a certo presentador dos informativos de certa canle española, mais podo dicir sen medo a me equivocar que a lingua galega fica curta á hora de nos dar adxectivos para definir a actual situación da Corporación da Radio e Televisión públicas Galegas: a CRTVG. A conxuntura en que se encontran os medios de comunicación públicos do noso país é sen dúbida preocupante; son tan numerosos os agravios que vemos e escoitamos diariamente na radio e na televisión de Galiza que se me fai pequeno este artigo para os intentar relatar. Porén, aquelas persoas que loitamos por uns medios de comunicación públicos, plurais e de calidade non debemos nunca deixar de denunciar estes feitos que aquí tentarei expor o máis claramente que puider.

Tal vez o que máis salte á vista da actual CRTVG sexa a penosa manipulación informativa que sofre a corporación por obra e graza do Partido Popular. Un dos exemplos máis recentes témolos na desvergoñada mentira que se dixo no telexornal da TVG sobre a non comparecencia do BNG no acto oficial de homenaxe a Castelao no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres o pasado día 10 de xaneiro. A TVG asegurou que o BNG non estivera presente, unha falsidade manifesta.

As criticas sen pudor do director de informativos da Radio Galega ao informe do Consello da Cultura Galega que criticaba a posíbel implantación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei dan boa conta da falta de neutralidade da CRTVG. “Cando toque avaliar o estado da literatura ou do patrimonio ímoslle ter que pedir informe ao Consello de Biólogos”, dicía o director de informativos da radio pública faltando ao respecto a un órgano estatutario do país como é o Consello da Cultura Galega e ás persoas expertas independentes que elaboraron o informe en cuestión. Vouno repetir: Estas declaracións fíxoas o director de informativos da Radio Galega! Xa hai que ter valor… E é que incumpren as súas propias leis. Isto di un dos principios reitores da CRTVG: “As opinións, en canto xuízos de valor, serán emitidas por persoas alleas á Corporación RTVG, incluíndo sempre a identificación daqueles que as manifesten. Cando houbese partes diferentes implicadas nos feitos, recollerase a opinión de todas elas”. Non hai máis preguntas señoría.

“A obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural” é outro dos principios reitores da lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza. Por iso non se informa das manifestacións en prol do ensino público, por iso se emitiu unha publirreportaxe de 15 minutos da empresa promotora de Altri na TVG ou por iso, para informar da Asemblea Nacional do BNG, emiten en repetidas ocasións declaracións de Paula Prado. Todo moi imparcial, veraz e neutral… Claro que si!

Para alén diso, os faladoiros e as columnas de opinión son, sen dúbida, espazos en que se aprecia con total e absoluta claridade a discriminación, manipulación e control político por parte da dirección da CRTVG. Se fixermos un sinxelo seguimento da participación nestes espazos, apréciase que a presenza de comentaristas do ámbito nacionalista é mínima, a anos luz da que lle correspondería se os faladoiros respondesen ao panorama político actual. Moitas das voces próximas ao nacionalismo galego foron directamente censuradas unha vez Alfonso Rueda convocou as eleccións ao Parlamento de Galiza do 18 de febreiro de 2024.

Continuamos: desde a entrada da actual dirección no ano 2009 con Alfonso Sánchez Izquierdo á cabeza, xa van un total de tres folgas do cadro de persoal, a última convocada en 2024. Isto exemplifica o descontento que viven as traballadoras e traballadores da corporación que, curiosamente, case non piden melloras nas condicións de traballo (ás que terían dereito) senón que piden que se poña fin á manipulación informativa e á externalización de servizos que se vive na CRTVG. Os xa máis de 350 ‘Venres Negros’ son toda unha mostra da dignidade dun cadro de persoal que se nega a ser sometido e a pasar por debaixo do futbolín a pesar das presións.

Faltan moitos máis agravios, crédeme. Mais ben, sendo esta situación o suficientemente grave, que decide facer o señor director da CRTVG? Pois ao máis puro estilo suxéitame o cubata, o señor Sánchez Izquierdo decide que a mellor idea é enviar unha carta ao presidente do Parlamento de Galiza para lle dicir que a campaña do BNG contra a manipulación dos medios públicos galegos titulada ‘Contra a manipulación! Queremos TVG e Radio Galega e non Tele PP e Radio PP’ é na súa opinión “unha campaña de publicidade anticompetitiva” e que se trata “dunha acción de impacto social que pode considerarse desleal porque se produce unha manifestación de tipo publicitario que menoscaba o crédito da CRTVG no mercado audiovisual galego e cuestiona gratuitamente as nosas obrigas de servizo público”. Tíralle do aire!

Non lles chega con manipular, externalizar e mentir que agora tamén queren meter medo ao nacionalismo galego. Con que obxectivo envía unha carta o director dos medios públicos do país ao presidente do Parlamento para lle dicir que non lle gustan as campañas do BNG? Teñen que adaptarse as campañas do BNG ao que queira o señor Sánchez Izquierdo? Que queren, un nacionalismo dócil, submiso e obediente? Pois saiban na dirección da CRTVG que atoparon un muro ben difícil de tirar, aquí estaremos as nacionalistas para denunciar os agravios que viven a nosa radio e a nosa televisión.

Estaremos atentas á nova lei de medios que o PP busca aprobar no Parlamento porque, aínda que non o creades, a cousa pode ir a peor: máis contidos en castelán, máis externalización e máis control político por parte do PP son só algunhas das cuestións que pretenden instaurar con esta norma. Porén, nós que de moral imos sobradas, nunca desistiremos da loita por uns medios públicos plurais e de calidade porque é necesario e porque é de xustiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *