Da urxencia de máis referentes LGBT galegas: aniversario de Blanco Amor

Corenta anos do falecemento de E. Blanco Amor

Este 1 de decembro cúmprense 40 anos do falecemento do escritor e xornalista ourensán Eduardo Blanco Amor. Homenaxeado polas Letras Galegas no ano 1993, é unha figura impescindíbel na literatura galega e no xornalismo no noso idioma, así como un persoeiro chave do imaxinario LGBT galego.

Emigrado do noso país á Arxentina con tan só 19 anos, alí dedicouse á actividade xornalística principalmente, se ben foi un grande exemplo de dinamizador da cultura galega na diáspora, sendo o fundador do voceiro Terra, guieiro da emigración galega no país americano. Colaborou, como moitos dos seus coetáneos na revista Nós,  e estivo altamente implicado na cultura da época. Mantivo tamén contactos coa Xeración do 27, situados en Madrid, e chegou a desenvolver un interese romántico mutuo con Lorca, conservándose a día de hoxe parte da correspondencia que intercambiaron.

Mais máis aló de facer unha simple revisión da súa vida, desde Galiza Nova queremos reivindicalo como un dos poucos expoñentes visíbeis LGBT que temos na nosa cultura. A súa homosexualidade atinxiu todos os aspectos da súa traxectoria, xa non só a súa creación artística, senón tamén influenciando o devir da súa vida. Nun contexto no que a súa orientación sexual disidente era un obstáculo máis para o seu crecemento vital e profesional, a conxuntura económica e política de comezos de século levouno á emigración como única saída, converténdose noutro dos miles que o fixeron por aquel entón. Na súa obra cúmio, A Esmorga, Blanco Amor introduce ao Milhomes, personaxe que constitúe unha clara referencia á homosexualidade reprimida, caracterizándoo co estereotipo de home afeminado, e dando conta da violencia que recibía por parte dos seus compañeiros de troula, nunha clara referencia á vida persoal do autor. Isto serve, xa non só como retrato dunha violencia inserida no contexto da Galiza de comezos de século, senón tamén como crítica social ao introducir un tema tan rupturista por aquel entón.

Non debemos esquecer que, aínda nunha realidade radicalmente diferente, as mozas galegas na actualidade seguimos a ser vítimas de LGBTfobia, sendo unha das manifestación da mesma a falta de referentes positivos de noso. Os humanos construímos a nosa identidade mediante a comparación con referentes, sendo estes referentes de maior importancia neste proceso segundo máis se parezan a nós. Así, a ausencia na nosa contorna ou nos medios de comunicación de persoas que compartan con nós factores tan importantes como a lingua e orientación sexual entre outros -raza, xénero, diversidade funcional-, poden influír moi negativamente sobre o noso desenvolvemento como individuos. E aínda máis, se encadramos isto nun contexto como o noso de asimilación da nosa cultura pola centralista española, é fácil ver como a tendencia dunha persoa LGBT é a aliñar o seu pensamento e ideoloxía coa alllea e imposta, contribuíndo desta forma nunha retroalimentación positiva que ten como resultado a ausencia dunha cultura da sexualidade e do xénero disidente no noso País. 

Ao seguir plenamente vixente un cisheteropatriarcado na Galiza, calquera manifestación rupturista con este sistema segue sendo necesaria; por iso, a visibilización das referentes LGBT galegas positivas como Eduardo Blanco Amor, así como de moitas outras das que non temos constancia polo silencio e borrado ao que as someteu tanto a ditadura franquista como o propio réxime heteropatriarcal, pode ser un dos moitos puntos de comezo que nos axude a rachar con esta situación, transmitindo a idea radical de que temos dereito a existir como somos, a vivir onde somos e a ser recordadas tanto aquí como fóra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *