virx copia

O concepto de virxindade é opresivo, que perpetúa unha cultura de desigualdade que temos que desterrar.

Polo xeral, convén dar unha definición dos termos que poidan non estar totalmente claros ao inicio dun artigo, para que todas e todos saibamos de que estamos a falar. Definimos virxindade entón? Aí está a cuestión: non está nada claro de que falamos cando usamos ese termo.

“A virxindade é ter o hime intacto” ??

O hime é un tecido elástico e irregular na entrada da vaxina que non a cobre totalmente. Pode ter diversas formas e estar máis ou menos pechado pero en calquera caso non é unha parede. Se o fose, o fluxo menstrual non tería por onde saír. Existen casos de mulleres que nacen cun hime que cobre a vaxina totalmente, e nestes casos hai que someterse a unha pequena cirurxía para perforalo e permitir que poidan pasar os fluídos. Tamén hai mulleres que nacen sen hime.

Contrariamente ó que se pensa, en principio o hime non rompe, senón que se estira. É común que se vaia estirando con actividades físicas diversas, a masturbación, o uso de tampóns ou copas menstruais, golpes… E si, por suposto, tamén a penetración en relacións sexuais.

Agora ben, isto ten unha implicación clara: o hime non garda unha relación directa coa virxindade, polo que non serve para determinar se unha muller tivo ou non relacións sexuais cun home.

A obsesión coa virxindade entendida coma o hime intacto da muller chegou a extremos coma a práctica do test de virxindade imposto, na que unha persoa examina a unha muller buscando un hime intacto para determinar se esa persoa é virxe ou non. Ademais de supoñer unha agresión brutal cara a intimidade da muller, esta práctica habitualmente ten o engadido de que os resultados do test son transmitidos ó prometido, marido ou familia da muller, coa vexación que iso implica.

Existen métodos para recrear o estatus virxinal dunha muller, o cal pode evitarlle problemas serios e darlle confianza en si mesma. Porén, ao mesmo tempo isto perpetúa o sistema patriarcal de opresión, polo que poden parecer desexábeis nalgúns casos pero son un síntoma dun problema maior.

“Virxe” dise da persoa que non tivo relacións sexuais.

O concepto de virxindade vixente e todo o que o arrodea dan por feito que o sexo “pene en vaxina” é dalgún xeito especial ou o único que debe ser considerado sexo sen adxectivos. O sexo oral, o anal ou calquera outra práctica non son considerados sexo polo xeral. Especificámolo nas expresións “sexo oral”, “sexo anal”. En cambio, cando nos referimos á penetración da vaxina basta con dicir “sexo” e todos e todas nos entendemos. E, por suposto, referímonos á penetración cun pene, xa que as mans ou xoguetes sexuais tamén están excluídos nesta conceptualización.

Esta é unha mostra clara de que o sexo e, por tanto, a virxindade, están gobernados polo heterocentrismo e o patriarcado.

Esta é unha mostra clara de que o sexo e, por tanto, a virxindade, están gobernados polo heterocentrismo e o patriarcado. Esta concepción do que é unha relación sexual claramente exclúe ás persoas gais, lesbianas, bisexuais, pansexuais, e a calquera persoa (que tamén pode ser heterosexual) que non realice esa práctica concreta. E, ademais, a virxindade tamén é cis-sexista, xa que tamén exclúe ás persoas que non se identifiquen no binomio home-muller. Todas estas persoas claramente tamén teñen sexo se así o desexan, e esta concepción pechada imposta polo patriarcado non o recoñece. Por outra banda, persoas que foron agredidas sexualmente e si tiveron a práctica da penetración pene-vaxina non teñen por que considerar que xa tiveron sexo, por motivos máis que evidentes, e en cambio segundo a idea establecida son persoas desvirgadas.

Queda dicir que, por suposto, o concepto da virxindade aplicouse tradicionalmente e aplícase polo xeral ás mulleres. Raramente falamos de homes virxes, e se o facemos non o consideramos algo definitorio da vida desa persoa senón como unha circunstancia que en calquera momento pode cambiar e non ten maior importancia. Non existe o pene virxe, porque é o pene quen desvirga. Vímolo dende sempre: un home que ten moito sexo é un auténtico home, con experiencia e éxito. En cambio, unha muller que ten moito sexo é fácil e indecente. E isto debe levarnos a cuestionarnos por que isto é así, por que é un concepto tan importante en mulleres e non así nos homes cis.

O concepto de virxindade é opresivo, que perpetúa unha cultura de desigualdade que temos que desterrar.

En primeiro lugar, o concepto de virxindade acompaña a idea de que o primeiro encontro sexual pene-en-vaxina é significante e marca un antes e despois na vida dunha persoa, unha especie de perda de inocencia e pureza. Isto ten as súas orixes na concepción da muller como propiedade que pode pasarse dunhas mans a outras (concretamente, das mans do pai ás mans do marido no momento do casamento).

Considera, por outra banda, que as prácticas sexuais que non sexan penetración de pene en vaxina non son válidas ou simplemente non contan como verdadeiras relacións sexuais. Como o patriarcado e a heterosexualidade son a norma, o concepto de virxindade aceptado pola sociedade contribúe a ratificar esta norma. Isto priva ás mulleres e ás persoas LGTBI da súa autonomía sexual e delimita o seu comportamento, subsumíndoo ás expectativas da sociedade. Mantendo estas presións para que a sexualidade se restrinxa ao marco do heterocentrismo, é moito máis fácil excluír as experiencias das persoas que non encaixan neste marco, e tamén limitar ó máximo as experiencias das persoas que en principio si que encaixarían.

A virxindade é un instrumento que se usou e aínda se usa para valorar ás mulleres en función da súa vida sexual e negarlles ser donas dos seus corpos. O valor dunha muller mídese aínda en función do grao no que se adapte ós estándares patriarcais Isto lexitima o control sobre as súas experiencias vitais e lexitima tamén regular e exercer violencia sobre todo o que teña que ver con elas. As relacións que temos cos nosos corpos dependen dun xeito directo dos valores patriarcais, o neoliberalismo e os estereotipos de xénero. Aplicado ás mulleres, exerce presión sobre elas para seren submisas e tamén perfila as interaccións que os homes terán con elas nas relacións. Está tan interiorizado que mesmo as propias mulleres reproducen condutas opresivas unhas coas outras no relacionado coa virxindade, e coa sexualidade en xeral.

Ter ou non ter relacións sexuais non fai a unha persoa mellor nin peor. É unha escolla que debe ser persoal e libre. Non debe darnos vergoña recoñecérmonos como persoas ás que nos gusta o sexo, se ese é o caso. A virxindade ten como única función oprimir ás persoas que se supón que teñen que mantela.

Deconstruamos a virxindade!

A virxindade, como tal, simplemente non existe. Non é un concepto médico, non é un concepto físico nin biolóxico. É unha construción social. Debemos repensar todas as nosas ideas sobre a virxindade e cuestionarnos a construción da sexualidade nos ámbitos onde nos movemos, co fin de construírmos unha sociedade máis inclusiva e respectuosa coa diversidade humana. Canto máis practiquemos este espírito crítico, máis conscientes seremos destas presións culturais, e máis insignificantes e superábeis nos parecerán. Lembremos que as construcións sociais poden ser deconstruídas mediante o traballo colectivo.

En vez de xulgar ás persoas polas súas experiencias sexuais, deberiamos procurar ter unha boa formación en cuestións de sexualidade, e sermos conscientes de que ter sexo debe implicar non só as responsabilidades correspondentes, senón que sexa por pracer e non pola presión de manter unha relación ou exclusivamente para procrear.

Non temos nomes para quen eramos antes e despois de aprender a camiñar ou a escribir. Por que é moito máis relevante a primeira vez que temos sexo que calquera outra experiencia vital? O sexo merece ser motivo de pracer, non de ansiedade e vergoña.

Témonos preocupado durante demasiado tempo sobre a nosa virxindade e ese momento transcendental de perdela, con todo o que iso implicaba. Temos pensado sobre como ten que ser, como se espera que sexa, con quen, en que momento, con que idade, se vai doer, se vai ser moi traumático, etc.

Témonos sentido mal por perdela demasiado pronto, coa persoa equivocada, da maneira inadecuada, sen estar plenamente convencidas ou mesmo obrigadas polas circunstancias, en contra do que a sociedade nos ensinara. Témonos preguntado se aquel golpe que levamos un día xogando constitúe a perda daquilo tan valioso, se usar un tampón nos podía desvirgar, se ser sexualmente agredidas implicaba automaticamente a perda da inocencia e da pureza. Se estabamos xa marcadas de por vida.

Pois non. Merecemos sabelo. Merecemos dicilo. E as que veñan detrás tamén.
Construamos un mundo onde todas as persoas, independentemente dos seus diversos xéneros, sexan donas dos seus corpos e das súas vidas.

Comisión de Liberdades Sexuais e Diversidade de Xénero de Galiza Nova