Defender a nosa identidade

Se a miña lingua fai tremer as bases do teu estado, significa que construíches o teu estado na miña terra dicía Musa Anter. 20 palabras que, aplicadas á situación da nosa lingua, vemos como nestes días cobran máis sentido ca nunca.

O pasado xoves aprobábase no congreso a modificación do regulamento que permitía –por fin– as intervencións en catalán, euskera e galego, poñendo fin á anomalía democrática que supuña non poder utilizar un idioma diferente do castelán. Un avance que podería terse conseguido moito antes de existir vontade política en facelo, un avance que supón un paso máis na normalización lingüística e un avance no dereito que as galegas temos en expresarnos na nosa lingua, en ser entendidas na nosa lingua. E un avance que espertou, para sorpresa de ninguén, ao españolismo máis rancio de todos os recunchos do Estado español. Apelando á unidade de España buscan, coma sempre, manter intactos os privilexios duns mentres oprimen os dereitos doutros.

É unha realidade que estes novos ataques á nosa lingua por parte do Partido Popular cara a nosa lingua non son ningunha sorpresa, levamos anos e anos sufrindo como a nosa lingua se mantén fora do ensino, baixo o argumento de dotarnos de maiores habilidades lingüísticas ao aumentar a presenza do inglés e do español. Levamos anos e anos sufrindo como a nosa lingua é eliminada da administración pública, obrigando ás galegas e aos galegos a asumir demoras inaceptables por demandar unha atención en galego.

Estes constantes ataques contra a nosa lingua, as políticas lingüicidas do Partido Popular, a permisividade de campañas como a que vimos este verán de “Hablemos español” ou, sen ir máis lonxe, a celebración este fin de semana do “Foro La Toja” que contribúe á deturpación da nosa toponimia coa complicidade do españolismo – institucións españolas, representantes políticos e mesmo a Casa Real – son as causas que están afectando día si e día tamén á lingua galega. As que a levan a perder falantes, a que o castelán xa teña máis falantes que o galego no noso país, a que as nosas crianzas non saiban defenderse na nosa lingua.

Fronte a isto, calquera avance na normalización do galego é pouco, mais non podemos deternos aquí. A mocidade nacionalista debemos loitar ata garantir a plena normalización do noso idioma en todos os ámbitos, son necesarios moitos máis avances, no día a día, nos medios de comunicación, na publicidade, nos centros de ensino, na administración pública, etc. Debemos esixirlle ás institucións que amparen a nosa lingua máis alá que no papel e debemos facerlle fronte mediante a organización e a mobilización a todos aqueles españolistas fracasados que non nos entenden, non.

Debemos ter claro que somos un pobo vivo, cunha lingua propia que leva resistindo a séculos de abandono e prohibicións. A nosa lingua, a nosa cultura, son os piares da nosa identidade, a nosa maneira de mirar o mundo e situarnos nel e por iso loitamos, para vivir en galego con normalidade.