Demografía e emprego van da man

A crise demográfica é unha realidade que ninguén nega. O avellentamento poboacional, froito da baixa natalidade e dunha maior esperanza de vida, mais sobre todo como resultado da emigración -nomeadamente xuvenil- son os trazos que caracterizan demograficamente Galiza e teñen, tamén, as súas consecuencias sociais, económicas e políticas.

A mocidade que marcha provoca un duplo efecto ao perdermos poboación por dúas vías. Aquelas persoas que marchan e as crianzas que non terán aquí pois, en boa medida, os proxectos vitais están ligados aos laborais. Igual que acontece para as que fican no país.

Se ollamos o que está a acontecer desde esta perspectiva veremos non só as causas senón tamén as posíbeis solucións ao que é un dos maiores retos políticos que ten Galiza: frear a sangría poboacional.

Reverter a crise demográfica pasa por garantirmos unha vida de calidade para todas as persoas

Reverter a crise demográfica pasa por garantirmos unha vida de calidade para todas as persoas, independentemente do lugar no que viven. No concreto: un emprego en condicións de dignidade e servizos públicos cos que dar cobertura ás necesidades fundamentais. Neste senso, a poboación rural dá boa conta de como a falta destes dous elementos actúa como acelerador da perda de poboación. O interior do país vai ficando deserto mais trátase dun proceso do que non fican exentas as áreas urbanas, que tamén perden xente.

Galiza conta con recursos suficientes e inmensas potencialidades para os desenvolver

Paradoxicamente, Galiza conta con recursos suficientes e inmensas potencialidades para os desenvolver grazas ao coñecemento acumulado historicamente e a formación académica das xeracións máis novas. Neste senso, para reverter esta situación é preciso que se despreguen as medidas necesarias desde o ámbito social e político.

Por tirar dun exemplo concreto, aínda que habería moitos outros desde ámbitos ben distintos, a produción láctea galega -o 40% do conxunto do Estado español- non só constitúe un sector estratéxico para a economía rural senón que, concibido como un elemento chave para a economía galega, podería xerar emprego alén das propias explotacións.
Para garantirmos a sostibilidade económica da produción, actualmente abafada polos baixos prezos en orixe, cómpre unha aposta decidida pola transformación da materia prima (o leite) en produtos derivados que lle outorguen valor engadido. Desde esta óptica tórnase tamén necesaria a implementación de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) que melloren e fagan máis eficiente o aproveitamento dos recursos; centros tecnolóxicos que procuren novas formas de facer através da enxeñaría e a técnica.

A produción eléctrica, a creación tecnolóxica e mesmo as moitas ideas que pairan na mente da mocidade mais que non contan coa axuda suficiente para saíren adiante están a ser desaproveitadas na xeración de riqueza para Galiza, véndose centos de persoas abocadas á emigración e o país á agonía demográfica.

Malia os atrancos e o desleixo institucional hai numerosos proxectos que están a saír adiante

Malia os atrancos e o desleixo institucional hai numerosos proxectos que están a saír adiante desde esta óptica, tecendo unha rede de futuro para o noso país. Iniciativas que son exemplo do inmenso potencial colectivo que posuímos e que deixan ver que a situación actual é reversíbel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *