Na madrugada deste sábado, 27 de setembro, tres militantes de Galiza Nova da Coruña foron denunciados pola realización dun mural en homenaxe a Pedro Galán Calvete, mozo de Monte Alto asasinado no 1936.
Deste xeito, o Goberno Local do PP da Coruña, a través da Policía Local, impedíu rematar un mural na lembranza do que foi o Secretario de Organización das Mocidades Galeguistas da Coruña. Fica demostrado, novamente, como a figura de Pedro Galán Calvete continua proscrita 78 anos despois do seu asasinato. Mesmo morto, os herdeiros do franquismo aínda lle teñen medo.
Desde Galiza Nova rexeitamos este proceso sancionador inxusto e represivo contra a mocidade galega e censuramos unha estratexia reiterada que, por medio de sancións administrativas, económicas e, mesmo penais, buscan calar á mocidade máis combativa. Non imos dar tregua e continuaremos lembrando a aqueles mártires que, como Pedro Galán Calvete, ergueron a bandeira da liberdade contra o fascismo español.
Do mesmo xeito, na mañá de hoxe, desenvolveuse o tradicional acto de lembranza a Pedro Galán, organizado polo BNG de Monte Alto e pola nosa organización. Novamente, censuramos no ceminterio de Santo Amaro como o españolismo terxiversa a nosa historia e busca ocultar a existencia daqueles que, como o Secretario de Organización das Mocidades Galeguistas, loitaron pola liberación nacional e social de Galiza. Na nosa terra cumprirase a vontade dos mártires!