Denunciamos a agresión LGTBIfóbica en Redondela

Dende a Asemblea LGTBI de Galiza Nova sumámonos á denuncia que veñen de facer as organizacións LGTBI galegas dunha agresión homófoba acontecida no municipio de Redondela.

Segundo unha denuncia anónima da vítima da agresión, un grupo de rapaces creou un perfil falso no aplicativo Grindr, servizo de contacto entre homes, co fin de enganar a homes gays ou bisexuais, e despois de facelo achegarse ata Redondela, proferirlle insultos homófobos e guindarlle obxectos.

Resulta inadmisíbel que o colectivo LGTBI sigamos a ser vítimas de agresións, tanto nos espazos públicos como nos máis privados. Denunciamos ademais a gravidade do feito de que esta agresión fose premeditada, sendo preciso por parte dos perpetradores descargar e usar unha aplicación para persoas LGTBI co único fin de facer dano.

Precisamos unha lexislación firme e clara que garanta os nosos dereitos e que poña fin a calquera discriminación por mor da nosa identidade de xénero ou orientación sexual cun réxime sancionador para os delitos de odio, e non só leis baleiras de contido que só son un xeito de ofrecer unha imaxe comprometida coa loita mais sen que ese compromiso sexa real.

Desde Galiza Nova reafirmamos a nosa loita para acadar unha Galiza ceive, na que poidamos vivir libres de toda explotación.

LGTBIFOBIA FÓRA DA GALIZA!
O NOSO ORGULLO É A NOSA LOITA!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *