DENUNCIAMOS A AGRESIÓN NAS FESTAS DE NOIA

Máis unha vez, dúas compañeiras sufriron unha agresión machista durante as festas, neste caso nas festas de San Bartolomeu de Noia celebradas os pasados días 23, 24, 25 e 26 de agosto. Un home duns 40 anos achegouse ás rapazas que estaban nun banco con intención de que foran con el ata o seu coche e tras reiteradas ocasións nas que as mozas lle rogaron que marchara, o home botoulle a man enriba a dunha delas e realizou un comentario de carácter sexual. As mozas marcharon correndo cando viron a uns coñecidos cruzando a rúa.

Ao día seguinte acudiron á Policía Local de Noia, que ignorou a denuncia alegando que era responsabilidade da Garda Civil. A continuación foron ao cuartel da Garda Civil e saíron máis desanimadas aínda debido á falta de tacto e comprensión que tivo o garda así como porque a denuncia non podía ser posta debido a que “non lles tocara ningún órgano sexual, non había delito”.

Novamente estamos asistindo a un caso no que a nosa seguridade queda nun segundo plano. Sobran os exemplos nos que a xustiza patriarcal nos deixa desprotexidas ante os agresores. Sabemos que as nosas vidas non lle importan a un sistema que se sustenta sobre os privilexios do patriarcado. Que podemos esperar dun goberno que para loitar contra as violacións non é quen de facer máis que unha campaña en redes sociais que logo non aplican á vida real?

Así pois, dende Galiza Nova queremos denunciar a actitude patriarcal das forzas policiais do Concello de Noia e a súa incompetencia de actuación ante unha agresión.  Por último denunciamos tamén a ubicación na que se sitúa o cuartel da Garda Civil, afastado da vila, imposibilitando a opción de achegarte sen depender dun medio de transporte. Mostramos a nosa solidariedade e o noso apoio coas compañeiras agredidas e condenamos esta e todas as agresións acontecidas durante as festas.

Queremos ser libres na casa e na rúa, queremos unhas festas libres de violencias machistas.