Denunciamos a destrución do río Tea que alcanza os niveis máis altos de contaminación

desembocadura_depuradora_2A nosa organización denunciou esta mañá o grave problema de contaminación do río Tea e a incopetencia do PP nesta materia. O informe de Sanidade confirma a degradación das augas do Tea e salienta que “os niveis de contaminación son aínda maiores que nos últimos anos”.

A organización xuvenil do BNG culpou ao PP e ao alcalde de Ponteareas da destrución do Tea e da contaminación da maioría das praias. “Continúan as verteduras directas ao río, a depuradora é insuficiente con constantes avarías e non hai ningunha previsión para recuperar o Tea. En lugar de ser un espazo natural coidado e para o desfrute da xente, o río é, nalgúns tramos, unha cloaca”, denunciou o responsábel local de Galiza Nova, Miguel Bouzó.

Ningún outro concello de Galiza alcanza cifras similares ás da contaminación da praia de San Roque

Ponteareas bateu récords en canto a índices elevados de contaminación, xa que ningún outro concello de Galiza alcanza cifras similares ás da contaminación da praia de San Roque. O responsábel das mocidades nacionalistas indica que “estes niveis de contaminación débense ás verteduras sen depurar que van directas ao Tea, á altura da estrada N-120.”

A Consellería de Sanidade prohibe o baño temporalmente cando, nun control, os niveis dos parámetros microbiolóxicos superan o valor de 1500 UFC/100 ml. No informe, que se pode consultar na páxina web de Sanidade, o nivel de Escherichia coli en San Roque é de 2000 UFC/100 ml e o de Enterococos intestinal é de 830 UFC/100ml, “superando amplamente os niveis dos últimos anos nos que a calidade da auga xa era insuficiente”. Esta situación de contaminación das augas estase agravando ano tras ano, e súmase á das praias da Moscadeira e As Partidas na parroquia de Moreira, onde a Consellaría xa deixou de realizar ás análises hai sete anos polos resultados negativos consecutivos, permitindo unicamente o baño nas praias da Freixa.

Esta situación tamén se repite na praia do Val, en Mondariz. Nesta zona do Tea o nivel de contaminación está, como en Ponteareas, por enriba do recomendable.