Na mañá de hoxe denunciamos mediante unha rolda de prensa que 5 compañeiras de Galiza Nova da comarca de Pontevedra foron multadas con 300 euros cada un pola realización dun mural en defensa dos dereitos das persoas LGBT situado na Avenida Chancelas en Poio. Neste muro, de titularidade pública, existía xa unha pintada anterior, e os feitos non foron denunciados polo propietario do mesmo senón directamente pola Garda Civil, un procedemento permitido pola Lei Mordaza.
Na rolda de prensa realizada conxuntamente entre o Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova, estivo presente o responsábel comarcal do BNG Demetrio Gómez, que mostrou o apoio da dirección comarcal ás 5 compañeiras multadas. Ademais denunciou a situación de involución democrática na que nos atopamos no estado e na Galiza, xa que a liberdade de expresión cada día é máis perseguida.
“A noite do 27 de outubro fomos identificados pola Garda Civil, que logo puxo esta denuncia contra nós pola realización dun acto de liberdade de expresión que en ningún caso empeorou o estado do mobiliario público” sinalou o voceiro das multadas, Martín Coego. Ademais, comunicaron que presentarían alegacións a estas multas, entendendo que existe máis unha persecución política que unha defensa do patrimonio público.
Pola súa parte, o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, reclamou a derrogación da Lei Mordaza, que se ben foi aprobada polo goberno do Partido Popular en Madrid, na actualidade aínda non foi cuestionada polo novo goberno de Pedro Sánchez. Ademais comunicou que a organización editará bonos axuda para afrontar o custe das multas no caso de que as alegacións presentadas non sexan tidas en conta. “Somos conscientes de que a represión foi a máis nos últimos tempos, e que os ataques contra a liberdade de expresión son cada vez máis habituais, pero iso non fará que deixemos de loitar por unha Galiza na que todas e todos poidamos vivir sen ningún tipo de discriminación ou explotación.” Concluíu Fernández