Na mañá de hoxe realizamos un acto simbólico consistente no despregamento dunha faixa na Casa da Cultura de Melide rexeitanto a propaganda do exército español que está a facer o PP desde o Concello, coa colaboración do PSOE á fronte do Ministerio de Defensa do Estado español, coa exposición instalada recentemente na Casa da Cultura.
Nós sempre defendemos e defenderemos o antimilitarismo, o desarme, a cultura de paz, o internacionalismo e o antiimperialismo, valores todos eles que non promove o exército español, quen participou e segue a participar de guerras imperialistas das que son vítimas moitas persoas ao longo de todo o mundo. Desde Galiza Nova non podemos máis que amosar a nosa repulsa a este tipo de propaganda belicista e que esta ocupe espazos públicos que sen dúbida deberan ter un mellor uso no noso Concello.
Ademais, polo simple feito de estar diante dun espazo público como é a Casa da cultura manifestando a nosa opinión, recibimos o apercibimento primeiro dunha persoa que dixo ser funcionaria do Concello e despois da Policía Local, que nos retirou a pancarta.
Este é un exemplo máis da nefasta situación que atravesa o Concello de Melide co goberno do PP, un goberno que non tolera a liberdade de expresión e que semella querer decretar no noso concello un ‘estado de sitio’.