
Na tarde de hoxe fomos testemuñas dunha xeira mais de brutalidade policial a cargo da policía española. Tras o despexo na noite de onte do Centro Social A Insumisa na Coruña, que levaba case un ano programando actividades culturais, houbo unha primeira concentración esta mañá convocada tras o coñecemento do despexo. Nesta mobilización, cargou a policía local.
Continuando coas mobilizacións, convocouse unha manifestación para o día de hoxe ás 20:00. No comezo a policía española cargou contra as manifestantes empregando porras para atacalas. Nestas cargas feriron a dúas persoas, abríndolle a cabeza a unha delas. Denunciamos as accións violentas mais propias da ditadura franquista que dun estado que se autoproclama como democrático. Esta é unha xornada máis que nos amosa o carácter represor do estado español intensificado coa Lei Mordaza e reflexado nos últimos meses coa violencia policial e Cataluña ou cos xuízos contra rapeiros, como Valtonyc, que se atopa na actualidade fuxido do estado.
Desde Galiza Nova denunciamos o comportamento e as reaccións desmesuradas da policía española, que reprime brutalmente ao pobo que se autoorganiza e manifesta para loitar polos seus dereitos. A única resposta deste estado apodrecido volta a ser novamente a violencia. Poñémonos unha vez máis ao carón dos centros sociais, con quen traballa por construír país a través da cultura, como fixemos no pasado ano 2017 co CSOA Escarnio e Maldizer.
10, 100, 1000 Centros Sociais!