Denunciamos a violación a unha moza en Salceda

Vimos de coñecer a noticia dunha violación a unha moza de 16 anos nestas festas de entroido en Salceda de Caselas. O agresor, de 27 anos de idade e con iniciais V. M. C, levou á moza a un lugar apartado para forzala mentras que ela intentaba opoñer resistencia.

O violador atópase en liberdade pese a que a moza declarou contra el ao momento e este foi recoñecido polos axentes de seguridade. Os medios de comunicación insisten en tratalo de presunto e en indicir que se gañou a confianza para que a rapaza accedese a ir con el, intentando deslexitimar as declaracións da vítima e culpabilizándoa do acontecido.

Xustamente nos últimos días, a Asemblea LGTBI e a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova sacamos unha campaña en contra das agresións en ambientes de lecer e incidindo na necesidade dunha autodefensa feminista para contraatacar toda a ofensiva patriarcal que nos rodea. Comprobamos tristemente que estas campañas son máis necesarias ca nunca, e de novo debemos reivindicar que se poña o foco político no tratamento á violencia machista en todos os espazos e esiximos unha resposta colectiva eficar a todas as agresións.

Queremos estar libres e seguras nas rúas.
Ningunha agresión sen resposta!