Denunciamos o despexo irregular do CSO A Insumisa e as cargas policiais na Coruña

Na madrugada de hoxe a Policía Local da Coruña, baixo o mandato do goberno municipal da Marea Atlántica, e antes de que rematara o prazo de abandono voluntario do CSO A Insumisa, procedeu a despexar o centro saltando os propios procedementos que elas mesmas marcaran dende a administración local.

Deste xeito, o goberno da Marea Atlántica está a reproducir as prácticas propias dos gobernos do sistema, encargándose de eliminar o tecido asociativo da cidade da Coruña empregando a represión policial como é no caso da Insumisa.

Dende Galiza Nova amosámonos contrarias a este tipo de prácticas e de despexos policiais de centros sociais que están a realizar actividade cultural e asociativa, aínda máis cando este é irregular ao non estar dentro do prazo estipulado por elas mesmas para proceder ao despexo.

Denunciamos tamén a violencia e a brutalidade policial nas cargas por parte da Policía Local da cidade da Coruña, que non dubidou en empregar gases lacrimóxenos e porras. Toda a nosa solidariedade coas persoas feridas nesta concentración e toda a nosa condena a un goberno local que dicindo defender os movementos sociais e o tecido asociativo de base, actúa con total hipocrisía no día de hoxe, poñendo pedras no camiño para que os movementos da cidade poidan traballar con normalidade e mesmo empregando a violencia para impedirllo.