Denunciamos o incendio forestal en Santiago de Compostela

Hai menos dun mes denunciamos o comezo da temporada de lumes na Galiza co incendio de Guntín, a mes de maio, hoxe temos coñecemento dun novo incendio forestal esta vez na cidade de Santiago de Compostela. Isto en conxunto coa vaga de lumes de outubro, fóra do verán, evidencia que camiñamos cara un modelo de incendios forestais non estacional, é dicir, que non se concentran nos meses de máis calor senón que se dan ao longo do ano.

Denunciamos que logo de ter que lamentar incluso perdas mortais e do dano que se lle fixo á nosa terra con estes incendios, dende a Xunta non se tomaran medidas reais ante o que supón un auténtico perigo para o futuro da nosa natureza e mesmo para as nosas vidas.

Dende Galiza Nova témolo claro, a mellor forma de loitar de xeito eficaz contra os incendios é ter un monte ordenado, produtivo e con usos multifuncionais. Para frear de forma efectiva os lumes é necesaria unha ordenación real do territorio coa delimitación de agrario e forestal e prohibindo a forestación das terras agrarias. Recuperar o diálogo coas comunidades veciñais con titularidade do monte en Galiza co obxectivo de superar o modelo de convenios e o apoio de novos proxectos baseados en diferentes usos do monte. Actuar contra a fragmentación do monte galego, crear unha cerficación forestal galega e pública e un plan de usos e aproveitamentos multifuncionais do monte, onde gañen peso as madeiras nobres de árbores autóctonas e de calidade.

En definitiva, propoñemos maiores medidas de prevención ao longo do ano, así como un pacto de país para a ordenación modelo forestal e usos do monte galego e facer que os nosos montes sexan verdadeiramente produtivos, dándolle beneficio económico ao conxunto do pobo galego.

Lumes nunca máis!