Na noite de onte un incendio forestal provocado arrasou 150 hectáreas de monte no concello de Mondariz facendo que 60 persoas tiveran que ser evacuadas das súas casas por estar o lume demasiado preto dos núcleos de poboación.
Atopámonos pois, nun novo mes de outubro no que se aproveita para facer arder o noso país, pois non foi só nos últimos días o incendio de Mondariz senón que en máis puntos de Galiza foron declarados incendios forestais.
Dende Galiza Nova consideramos que esta é a mostra de que non se levaron a cabo políticas reais de prevención e combate dos incendios forestais, que cada ano afectan ao noso país e que en condicións metereolóxicas adversas coma as do ano pasado poden chegar a causar verdadeiras desgrazas, polo que de darse unha situación similar, habería que voltar a lamentar dende danos materiais até mortes.
É necesario que a Xunta de Galiza tome como prioridade a loita contra os incendios e a empresa que adoita beneficiarse deles, ENCE. Polo tanto esta debe ser unha loita contra a eucaliptización e en favor da posta en valor dos usos do monte, apostando por especies autóctonas e que poden xerar unha riqueza moito maior para o noso pobo.