Despatoloxización: Un dereito das persoas trans, mais unha loita común. Artigo Sergio Marey

Sergio Marey é Responsábel Nacional LGBT de Galiza Nova

Como cada terceiro sábado de outubro, celebramos o Día da Despatoloxización Trans, unha data que nace co fin de loitar para que as persoas trans deixemos de ser considerades persoas doentes. Unha loita incansábel do colectivo LGBTIQA+ que tivo os seus avances nos últimos anos, mais que continúa a ser unha das nosas grandes reivindicacións.

No 2019, tras unha campaña social iniciada polo movemento LGBTIQA+, o coñecido como Stop Trans Pathologization (STP), logrouse que a OMS eliminase a transexualidade da lista de trastornos mentais, aínda que pasou a ser considerada como unha «incongruencia de xénero». A asimilación do termo «trans» co de «incongruencia» implica que hai algo que si é congruente: a cisheteronorma. Deste xeito, o «normal» convértese na forma en que as persoas heterosexuais e cisxénero performan o xénero. De novo, os corpos cisheterosexuais son a representación da normalidade, do que é natural ao ser humano. Isto non deixa de ser un novo xeito de seguir negando a nosa realidade, a nosa existencia.

Dar este paso é significativo, mais continúa a ser insuficiente. A loita pola despatoloxización trans segue viva e moi presente. Esta mudanza derivada da decisión da OMS tivo o seu reflexo nos diferentes estados do mundo. No caso do estado español, foi aprobada o ano pasado a Lei 4/2023 para a igualdade real e efectiva das persoas trans e a garantía dos dereitos das persoas LGBTIQA+. Esta lei ten unha relevancia no camiño da despatoloxización trans, xa que promove a igualdade e os dereitos das persoas trans e é un avance para a eliminación das prácticas que continúan a patoloxizar as identidades de xénero. Porén, é unha lei escasa, non é unha despatoloxización real. Desde o activismo debemos seguir pulando por alcanzar esta meta, temos que lograr un recoñecemento legal da identidade de xénero de cada quen, garantindo a autodeterminación sen requisitos médicos ou limitacións por idade, status migratorio ou identidade de xénero binaria.

Estes son pasos dun camiñar que non só ten que ficar no plano legal e institucional, as nosas reivindicacións como colectivo LGBTIQA+ e como feministas deben impregnar tamén o plano social. Moitas veces a lei non é aplicada, xa que seguen a existir obstáculos xurídicos, médicos… que non entenden a diversidade nin a pluralidade de realidades, que asumen que as persoas trans deben ter unha disforia de xénero completamente marcada ou que deben seguir presentando informes que aseguren o que son. En resumo, a autodeterminación non está garantida, o que é sumamente violento. Esta falla de garantías da aplicación da lei é tamén un reflexo da onda reaccionaria que sempre supoñen os avances en dereitos. Debemos frear esta onda impulsando medidas que incidan nesta despatoloxización social, por exemplo, pulando por unha maior presenza da educación sexo-afectiva integral, alén de políticas a través das que se mostre a diversidade trans (mulleres trans, homes trans, persoas transmasculinas, transfemeninas, non binaries…) e coas que non se cuestione a pluralidade das súas realidades.

A mocidade temos un papel fundamental neste proceso de mudanza social. Os discursos reaccionarios están a impregnar os nosos espazos e debemos combatelos, comezando por entender que a loita trans —e por extensión a LGBT— é unha loita feminista e do nacionalismo. A igualdade e a liberación nacional deben plasmarse en todos os eidos da realidade humana, pois a loita pola despatoloxización trans é o camiño para derrogar os sistemas opresores do xénero e da nosa nación. A despatoloxización é un dereito das persoas trans, mais é unha loita común.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *