Desterremos a LGTBIfobia! Concentración solidaria coas vítimas de agresión homófoba en Ponteareas

orgullo2011É imprescindíbel combatermos a LGTBIfobia, non consentir, denunciar e actuar ante os discursos reaccionarios e a violencia coa que se agrede ás persoas LGTBI.

Por iso chamamos desde Galiza Nova a participar na concentración convocada para este mércores ás 20 horas na Praza de Bugallal para condenar a agresión que sufriron dous mozos en Ponteareas, e expresamos toda a nosa solidariedade para as dúas vitimas e agardamos que prontamente se recuperen das lesións sufrifas.

O Responsábel Local de Galiza Nova en Ponteareas, Miguel Bouzó, declarou que “resulta lamentábel que en pleno século XXI se produzan feitos retrógrados como a agresión sufrida por estes dous mozos na nosa vila polo simple feito de expresaren, sen agocharse nin avergoñarse, os seus sentimentos”. Así mesmo, Bouzó asegura que estes feitos “son casa da invisibilización e a discriminación que continúan a padecer a día de hoxe as persoas LGTBI na Galiza”.

Son necesarias políticas que recoñezan a igualdade de dereitos para as persoas LGTBI, fronte ao retroceso nos dereitos conquistados e ás discriminacións que aínda perviven na nosa sociedade, como quedou patente coa agresión acontecida en Ponteareas.

Galiza Nova chama á mocidade galega a loitar pola consecución das liberdades sexuais para acadar a igualdade real no mundo enteiro, contra a discriminación e o ascenso da LGTBIfobia e de quen exerce a violencia contra as persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais.

O noso orgullo, a nosa loita!