Día da Clase Obreira Galega

Hoxe é o Día da Clase Obreira Galega. O 10 de marzo de 1972 eran asasinados dous traballadores, Amador Rey e Daniel Niebla dos asteleiros de Bazán, en Ferrol, da man da policía franquista e polo único delito de defender os seus dereitos como traballadores.

Este feito trouxo unha vaga de solidariedade obreira en moitos sectores de Galiza, con paros solidarios de milleiros de traballadores e deixando un ano de folgas xerais e de represión brutal da policía.

Anos despois, o dirixente sindical da CIG e antigo traballador de Bazán, Alfonso Tellado, diría que o 10 de marzo de 1972 o movemento obreiro na Galiza convertiuse no movemento obreiro galego.

Hoxe cúmprense 50 anos destes feitos, cheos de dignidade, de solidariedade de clase e de loita continua polos dereitos laborais e a mellora da calidade de vida das clases populares.

Asistimos a novos e feroces ataques do capital a eses mesmos dereitos e condicións polos que Amador e Daniel foron asasinados: maior precariedade e temporalidade, a destrución paulatina da negociación colectiva e o retroceso manifesto nos dereitos laborais e democráticos.

Non asumimos a folla de ruta do capital, que precariza e empobrece, non asumimos unha reforma laboral ao servizo da patronal, non asumimos mudanzas cosméticas que fan retroceder os nosos dereitos e non asumimos a falsidade dun diálogo social que vende á clase traballadora galega.

Por dignidade nacional e de clase. Por Amador, por Daniel e polo resto de traballadores e traballadoras deste país, do pasado, do presente e do futuro: Nin un paso atrás na defensa da Clase Obreira Galega!