DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

Na véspera do 49 aniversario do 10 de Marzo do 1972 desde Galiza Nova queremos lembrar os feitos que conmemoramos todos os anos coma o Día da Clase Obreira Galega. Tantos anos despois segue sendo relevante conmemorar as folgas obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo, que foron o xermolo do sindicalismo galego actual. Aquel 10 de marzo a represión franquista asasinou a Amador e a Daniel, dous obreiros sindicalistas da factoría Bazán en Ferrol.

Na actualidade as mozas galegas de clase traballadora seguimos loitando contra a precariedade e a falta de expectativas de futuro. Nas nosas carnes sufrimos a falta de oportunidades para traballar no país, e se o facemos é sempre con salarios de miseria. Ademais, a xa elevada taxa de paro aumentou este último ano debido á crise sanitaria, cun aumento do paro xeral para a sociedade galega e cun aumento do 70% do paro feminino. O capital e o estado español continúan abocándonos á miseria e á emigración, explotando á clase traballadora con todas as ferramentas que o propio sistema outorga.

Este ano a data vén marcada pola convocatoria de folga xeral nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, acusadas polo desmantelamento industrial que deixa a milleiros de familias na estacada e á mocidade sen posibilidades de permanecer nas súas vilas de orixe. O desmantelamento do sector industrial do noso país é unha constante. Mais se esta situación é grave no conxunto do país, nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal atópase xa nun punto crítico. Na actualidade enfrontamos o peche da principal industria nas Somozas como é o caso de Gamesa ou da central térmica das Pontes. Ante o desleixo da patronal, os gobernos galegos e estatais continúan vivindo na inacción, deixando esmorecer o noso país.

Á crise industrial instaurada en Galiza desde hai décadas súmaselle o peche destas empresas e a consecuente destrución de postos de traballo. A día de hoxe, unha boa parte dos empregos xerados na zona veñen determinados polas empresas Navantia, Endesa ou Siemens Gamesa. O seu peche condena á mocidade de Ferrolterra, Eume e Ortegal a escoller entre o desemprego e a emigración.

O futuro da mocidade pasa por un cambio radical do modelo económico do Partido Popular na Xunta de Galiza, un modelo baseado na terciarización da economía e a precarización. Exiximos un novo modelo para Galiza, unha industria que xere riqueza por e para a comarca e para o país: unha aposta real polo naval, unha transformación enerxética cunha transición xusta e un aumento do investimento en I+D+i.
A comarca estase a xogar o seu futuro e a mocidade debe xogar un papel determinante na loita por un emprego digno. Por isto, desde Galiza Nova chamamos a toda a mocidade das comarcas a sumarse á folga e á mobilización que terá lugar este mércores 10 de marzo ás 12:00h en Ferrol (Rotonda da Avenida Nicaso Pérez coa estrada Trincheira).

Chamamos tamén a toda a mocidade do país a participar das mobilizacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega nas comarcas de todo o país. Desde a organización xuvenil do BNG, témolo claro: a única resposta ante os ataques do capital cara á clase traballadora é a mobilización e o conflito.

POR UN FUTURO DIGNO NA NOSA TERRA.
POR UNHA GALIZA CEIVE E SEN EXPLOTACIÓN.
FOLGA XERAL!

Mobilizacións deste 10 de Marzo:
– Ferrol, ás 12:00h, manifestación conxunta dende a rotonda da Avda. Nicasio Pérez con Trincheiras no marco da xornada de folga xeral convocada para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

– Vigo, ás 18:30h, manifestación da CIG con saída de Vía Norte.

– Santiago, 19:30h, manifestación da CIG con saída da Praza Roxa.

– Ourense, ás 11h, manifestación da CIG con saída dos Xardíns do Padre Feijoo.