Dia da família

A tradición constrúe o calendario e a tradición é, en esencia, a reprodución do existente. Romper coa tradición, en moitas ocasións, implica revolucionar o presente e mudar o estado das cousas. O Día da Nai (primeiro domingo de maio) e o Día do Pai (19 de marzo) son datas que pretenden a perpetuación do statu quo; o mantemento da familia tradicional e da mismísima consaguineidade como elemento de unión social inquebrantábel.

A familia tradicional construíuse historicamente como a unidade de produción básica; en orixe, sostida polo pai cabeza de familia, co paso dos anos, incorporando á muller ao traballo asalariado e, na actualidade, con novas formas que liberan en maior medida -pero de forma insuficiente- ás mulleres das cadeas do fogar, mais que seguen reproducindo o esquema heteropatriarcal e opresivo que reside no mismísimo concepto de familia tradicional.

Un anhelo, o da familia tradicional, que perpetúa tópicos máis que analizados e criticados polo feminismo combativo, como a idea da media laranxa, o amor que todo o pode ou o sacrificio das mulleres en favor dos outros e dos seus coidados. En cada primeiro domingo de maio, a reivindicación do papel da nai na familia concretízase en agasallos sexistas, alonxados das necesidades e anhelos reais das persoas ás que en tanta estima temos mentres, coma sempre, o capital saca beneficio. As outras agredidas, as crianzas; as que desexan toda a vida formar parte desa unidade familiar idílica que as peliculas narran e as que soportan a violencia intrafamiliar en nome dese ideal imposto.

O Día do Pai e o Día da Nai marxinan a aqueles que carecen destas figuras, son categorías idealizadas que perpetúan o sistema sexo-xénero que vencella as funcións reprodutivas co ideal de nai, esquecendo que tamén persoas doutros xéneros son xestantes -e hai mulleres que non o son- e son dúas caras dunha mesma problemática; a perpetuación dun modelo de coidados individualizado base do sistema heteropatriarcal.

Fronte á tradición histórica e inhumana do capitalismo, que individualiza os coidados e esencializa as nosas relacións, desde Galiza Nova dicimos non ao Día da Nai e ao Día do Pai e reivindicamos o Día da Familia (15 de Maio) como unha data realmente abranguente, así como situamos no horizonte a necesidade dunha rede comunitaria de coidados e a aposta por unha sociabilidade colectiva e non xerárquica, situando no centro a emancipación das mulleres e o pleno desenvolvemento das crianzas.