DÍA DA MEMORIA TRANS

Dende que teño uso de razón levo escoitando o mito de que as mulleres trans somos depredadoras sexuais ou homes disfrazados para acceder aos baños aos que realmente pertencemos. Outra experiencia que me atrevería a catalogar de universal é a inmensa cantidade de homes heterosexuais que nos rexeitan por non vernos como mulleres, porque deitarse connosco pon en dúbida a súa masculinidade e a súa sexualidade.

Este relato sobre a nosa existencia parecía estar sendo superando ata que, fai uns anos, tivo un rexurdimento da man dun sector dícese feminista, algo totalmente inesperado e decepcionante a partes iguais. Por culpa do seu discurso reviviu o mito do home con falda depredador co engadimento de que supoñía un perigo para a seguranza do resto das mulleres, incluso tratando de convencer de que as mulleres trans borramos a existencia do resto de mulleres.

Estas falsas ideas sobre a nosa identidade e os nosos desexos son unha das bases que fundamenta e perpetúa a violencia que sufrimos constantemente. Que ao mesmo tempo se nos sinale como un perigo andante e se negue a nosa identidade, así como se nos prohíba a posibilidade de ser suxeitos de desexo e que se cuestione ou ridiculice a sexualidade das persoas que senten atracción por nós, é o motivo de que sexamos uns dos grupos humanos que son asasinados con máis frecuencia a nivel global.

Aínda a día de hoxe segue a haber moitos países nos que descubrir que a túa parella sexual era trans pode servir para reducir ou evitar unha sentenza no caso de que nos agredan ou nos asasinen. Aínda hoxe segue a entenderse que temos parte de culpa pola violencia que sofremos, e que simplemente existir como persoas trans é motivo suficiente para empurrarnos dunha muralla de 12 metros e deixarnos abandonadas.

Quen nega a nosa identidade ten as mans manchadas de toda a dor que vivimos. Quen mira para outro lado cando berramos que a nosa existencia é un inferno… Quen prefire non poñerse de ningún lado, pensando que así non fan dano… Son parte do problema.

As persoas trans só queremos vivir libremente e con dignidade, e que se entenda que cando alguén se sente atraída por nós é porque somos fermosas en toda a nosa diversidade de corpo. Queremos poder camiñar, bailar, mexar ou ligar sen medo. Queremos deixar de ter a idea constante, que nos atemoriza, de que mañá ao mellor abren os xornais ca nosa cara porque alguén decidíu que tiña a potestade de acabar con nós.

 

Anna Honsen

Integrante da AsembleaLGBT de Galiza Nova