Hoxe, 23 de setembro, celébrase internacionalmente o Día da Visibilidade Bisexual. Dende a Asemblea LGBT de Galiza Nova queremos reivindicar a importancia de visibilizar a nosa realidade e combater cada día un sistema que discrimina todo aquilo que se aparta da norma.
As persoas bisexuais sentímonos atraídas tanto polo noso xénero como por outros. Esta atracción pode manifestarse de distintas formas e non ten que darse do mesmo xeito ou na mesma porcentaxe cara cada xénero. Como parte do colectivo LGBT sufrimos discriminacións e a isto tamén temos que sumar os ataques bifóbicos que cuestionan a nosa sexualidade. A bisexualidade non é unha fase nin un experimento. Non estamos confusas e o feito de establecer unha relación cunha persoa dun xénero ou outro non significa que tomaramos unha decisión ou nos decantaramos por unha opción ou outra.
O cuestionamento que vivimos é constante e este tipo de estigmas e esteoreotipos incluso chegan a reproducirse dentro de colectivos LGBT. No estado español podemos apreciar isto mesmo na orde alterada das siglas do colectivo LGTB co B engadido tardíamente ao final, mudando a forma común no resto do mundo.
Neste 23 de setembro queremos chamar a atención sobre a necesidade de visibilizar a nosa sexualidade, de eliminar os estigmas que se nos atribúen e tamén de dotarnos de referentes. Neste camiño, é fundamental acadarmos unha educación afectivo-sexual diversa.
Dende Galiza Nova, hoxe e todos os días do ano, loitamos contra todas as formas de lgbtfobia e traballamos para podermos vivir libremente nunha Galiza libre de opresións.