Hoxe, 31 de marzo, conmemórase o día da Visibilidade Trans, e dende Galiza Nova sumámonos a esta mobilización para reivindicar o espazo das persoas trans na sociedade, ameazado constantemente pola cisnorma e pola súa cara máis crúa, a transfobia.
As agresións ao colectivo trans veñen aumentando en todos os eidos, chegando a agresións física como sucedeu no caso da muller trans lanzada desde a Muralla de Lugo. Ante o aumento desta violencia de orixe tránsfoba non ficamos caladas e facemos fronte ó auxe de posicións transexcluíntes que negan a existencia das persoas trans e, nomeadamente, a presenza das mulleres trans nos espazos que lle corresponden.
Por iso, demandamos das institucións galegas medidas concretas que impliquen unha mellora na vida das persoas trans, como pode ser a revisión dos protocolos sanitarios, unha maior formación do persoal público (sanidade, ensino, administración, etc.) e a posta en funcionamento do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, esencial para a actuación na realidade.
No eido legal, esiximos tanto efectivizar o cumprimento da lei pola igualdade de trato e non discriminación das persoas LGBT, engadíndolle reclamacións como a tipificación dos delitos LGBTfóbicos como delitos de odio, así como unha Lei Galega de Identidade de Xénero, que protexa os dereitos das persoas trans e non binarias en todos os ámbitos da vida pública. Esta lei, baseada na despatoloxización e na autodeterminación de xénero, debe recoller as reclamacións de quen sufre directamente as violencias transfóbicas, o colectivo trans galego, e deberá contar cos medios precisos para o seu correcto desenvolvemento social.
Porén, coñecemos os límites do institucional e a necesidade dos movementos sociais para a melloría da nosa calidade de vida. Por isto facemos parte das ofensivas contra o capital e o patriarcado coma causantes directos da discriminación que persoas trans e non binarias sufrimos. Combatamos entón, no seo destes movementos sociais, pola consecución dos nosos dereitos!
Seguimos vives e na loita, orgulloses e visíbeis!