No 2022, o proceso masivo de solicitude de instalación de parques eólicos continúa en auxe a pesar da falta de aceptación social. Estamos nun momento de emerxencia climática onde se teñen impulsado tratados internacionais en favor dunha transición enerxética, o que propicia que a maioría destes parques eólicos saian adiante sen demasiado trámite grazas ás modificacións legais realizadas polo Partido Popular na Xunta de Galiza nos últimos 12 anos. Ademais, estes parques proxéctanse en zonas despoboadas e baratas buscando a menor oposición social, e poden incluso incorrer en fraude de lei pola fragmentación de macroparques en proxectos máis pequenos para a reducir o estudo do impacto.
Todo isto sitúase nun marco político complexo e condicionado: o encaixe de Galiza dentro da política económica estatal. O resultado disto é a destrución do noso medio ambiente en favor dos intereses de grandes empresas, que fan negocios millonarios con promesas de repercusión no noso emprego, contando coa complicidade da Xunta que lles abre as portas dos nosos montes, ríos, mares, etc. E aínda sendo a produción e o impacto asumido por nós, as galegas pagamos unha das facturas eléctricas máis altas da Europa.
Galiza Nova aposta pola procura dunha transición enerxética ordenada e para iso, o control da implantación das eólicas debe recaer na administración pública e non en intereses particulares. As mozas galegas queremos unha política enerxética xusta para a nosa industria, acompañada dunha explotación planificada do noso territorio. Para isto, debemos aumentar a nosa capacidade de decisión en favor dos nosos intereses. Con todo, non semella tarefa sinxela nin inmediata, polo que a mobilización social, o ecoloxismo de base e unha resposta conxunta da sociedade galega a este agravio deben ser o freo fundamental.
Mobilizámonos hoxe, Día do Medio Ambiente, para continuar amosando a nosa repulsa a este boom eólico e demandar un modelo de desenvolvemento das enerxías renovábeis soberano, xusto, sustentábel e social. Chamamos a todas as mozas galegas a facer parte activa desta loita colectiva en favor do noso vento e do noso País e en contra dos intereses das grandes eléctricas!