Nos últimos anos estase a producir unha auxe e normalización dos discursos machistas, auspiciados por unha extrema dereita que busca canalizar a raiba dunhamocidade abandonada polo sistema, cara os seus propios intereses.
Cada marzo as institucións sacan campañas polo 8M, as organización políticas póñense detrás das faixas e as empresas ponen o logo en lilá. As mozas galegas levamos anos a ver como unha xornada de loita e reivinidicación como o 8M foi sendo fagocitada polo sistema ate convertela nunha data festiva, comercial e desligada da súa orixe nas mulleres das clases populares. Institucións e organizacións políticas supostamente progresistas, como Sumar ou o PSOE, sacan rédito da conmemoración desta efeméride e colgan unha medalla de “feminismo” mentres seguen impasivas ante a discriminación sistemática (e sistémica) das mulleres, inclusive dentro das súas propiasfilas.
A realidade é que os piares do patriarcado seguen intactos despois de 8 anos de suposto goberno progresista, e con máis intensidade no noso país. A fenda salarial rolda os 4700 euros anuais, o desemprego e a parcialidade involuntaria son fenómenos feminizados, máis do 60% do noso tempo de traballo non ten remuneración, o 42% das asalariadas cobra igual ou menos que o SMI, o 50% das mulleres estaría en risco de pobreza se depende só do seu salario e o funcionamento básico do sistema sostense con traballo reprodutivo e de coidados feminino.
O nacionalismo galego é hoxe o único proxecto político do país que reivindica un feminismo real e combativo. Non é casualidade, é coherencia cun obxectivo de liberación das clases populares galegas que non pode deixar a ningunha atrás. Este 8M Galiza Nova sae as rúas nunha nova xornada de loita, reivindicando hoxe e todo o ano un feminismo nacionalista, combativo e autoorganizado como única vía para enfrontar á reacción e avanzar na liberación das mozas galegas. Fronte ó patriarcado e fronte ó “feminismo” do sistema, Galiza Nova insta ás mulleres galegas a encher as rúas para deixar claro que nos queremos libres e que nos queremos iguais.
Con máis vixencia que nunca, loitemos polas mulleres traballadoras deste país.
