ACORDOS DA DIRECCIÓN NACIONAL – 14/12/2024

O pasado sábado tivo lugar en Compostela a última Dirección Nacional de 2024. Nela analizouse o contexto político actual, marcado no país pola ofensiva de espolio colonial, a manipulación da CRTVG e a situación de emerxencia lingüística, marcouse o traballo para os vindeiros meses e fíxose balance do traballo realizado e da situación no último ano, tras o cal temos que mandar un grande saúdo ás máis de 140 compañeiras que se incorporaron á nosa organización.

XXV XORNADAS DE FORMACIÓN DE INVERNO

Os días 15 e 16 de febreiro terán lugar en Arzúa as vixésimo quintas Xornadas de Formación de Inverno. Dous días de formación no que tomaremos aínda máis conciencia ao redor do que significa o proxecto de Altri para o noso país e no que coñeceremos de primeira man unha das principais comarcas afectadas.

CAMPAÑA DE EMANCIPACIÓN XUVENIL

Continuaremos co traballo iniciado a comezos do mes de decembro coa presentación do “Manifesto da Emancipación Xuvenil”. Estaremos informando nas principais vilas e cidades galegas e recabando aínda máis apoios ao noso manifesto.

MANIFESTACIÓN NACIONAL POLA LINGUA

Ante a situación de emerxencia lingüística que vive a nosa lingua, estaremos presentes na manifestación nacional convocada pola Plataforma Queremos Galego para o vindeiro domingo 23 de febreiro, Día de Rosalía.

OUTRAS CUESTIÓNS TRATADAS NA XUNTANZA

Ademais de todas estas cuestións, tamén observamos con preocupación a situación a nivel internacional, co avance do xenocidio en Palestina así como a caída do goberno de Siria.

Por outra banda, valoramos como un acerto as análises e o traballo posto en marcha hai máis dun ano na pasada Asemblea Nacional, que permitiu a entrada de máis de 140 novas compañeiras na nosa organización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *