DO 3+2 AO DESMANTELAMENTO DA UNIVERSIDADE PÚBLICA

marcos vilamorUnha vez máis, o goberno do PP e da man do ministro de Educación, atenta contra o estudantado galego modificando o decreto polo que se estabelecen a ordenación das ensinanzas universitarias coa finalidade de pechar as portas do ensino superior a milleiros de mozas e mozos da Galiza, para que só unha minoría poida estudar.

Un parche máis, a un sistema de educación fallido no que non se inviste o suficiente, senón que o modifican para recortar o orzamento público e creando nel carencias que afectan directamente á preparación das estudantes e excluíndo as familias que non poidan permitirse o pago de taxas e matrículas.

No “plan Boloña” as estudantes dispuñan de 240 créditos nas carreiras e de 60 créditos na realización de master, cun prezo de matrícula moito máis elevado. Nesta modificación do real decreto 1393/2007 no cal se reduce a 3 anos a duración das carreiras e en algunha delas diminuíndo o número de créditos ata 180 e 2 anos de master aumentando ata 120 o número de créditos necesarios para a obtención do título.

O goberno escúdase nesta medida argumentando que “axuda a internacionalización dos estudantes” xa que algúns dos países do noso entorno usan este modelo. Mais eu creo, que a única finalidade que esta reforma ten é o desmantelamento da universidade pública como tamén o están a facer co ensino medio e coa mal chamada Lei Orgánica de mellora da calidade educativa (LOMCE).

Desta maneira, e no caso de que esta modificación se leve a cabo, as universidades públicas veranse inmersas nun proceso de desmantelamento continuo levándoas ao desprestixio absoluto e beneficiando así ás universidades privadas.

Con estas medidas e como se acredita no parágrafo primeiro do texto que modifica o real decreto; “Na elaboración dos plans de estudos, a universidade primará a formación básica e xeralista e non a especialización das estudantes” isto lévame a entender que os contidos das materias serán reducidos ao mínimo facendo que as estudantes saian mal preparadas e obrigadas á realización dun master para poder ter unha saída laboral

Por outra banda o aumento dun ano máis para conseguir a obtención do título de grado así como a suba de taxas e a diminución das bolsas fará que as familias con menor poder adquisitivo fiquen excluídas do sistema universitario.

Esta reforma non ten máis obxectivo que vetar as fillas das clases traballadoras dunha educación de calidade, seguindo na liña ideolóxica do Partido Popular relegándonos a ser man de obra barata e beneficiando o sector universitario privado.

Marcos Vilamor é traballador e estudante de ensino medio, militante en Taboada de Galiza Nova e Responsábel Nacional de Ensino.