A sesión da Dirección Nacional de Galiza Nova celebrada no sábado 19 de novembro debateu e aprobou os documentos a debate no plenario da XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova que se celebrará o sábado 26 de novembro na Antiga Casa da Xuventude de Compostela.
A continuación podes descargar os documentos a debate, premendo nos títulos correspondentes:
– Orde do día
(as acreditacións realizaranse a partir das 9.30h e a sesión de traballos comezará ás 10.30h).
– Informe político.
O presente documento pretende reunir a principal actividade e liña política exercida pola nosa organización, analizando os acertos e erros co obxectivo de avaliar o noso traballo e de seguir mellorando colectivamente.
– Teses a debate
Son as que presentamos hai unhas semanas e que xa foron sometidas a debate nas comarcas, onde a militancia, a través dun procedemento aberto, presentou as emendas que che inserimos a continuación, co obxectivo de enriquecer e mellorar os textos.
– Emendas
A Dirección Nacional debateu as máis de 200 emendas elaboradas pola militancia nas asembleas comarcais ao regulamento, tese política, tese de organización e estatutos. No plenario da Asemblea Nacional trataranse todas estas emendas fomentando o contraste de ideas, a formación e o debate de cara ao fortalecemento da militancia nacionalista.
– Proposta de Candidatura para a Secretaría Xeral e Dirección Nacional de Galiza Nova.
O prazo de presentación de candidaturas remata o xoves 24 de novembro as 10.30hs. Porén, a Dirección Nacional ten coma cometido entre as súas funcións elaborar unha proposta de candidatura para a nova Dirección Nacional, Comisión Permanente e Secretaría Xeral, que se basee nas propostas de nomes realizadas pola militancia nas asembleas comarcais, atendendo a criterio de xénero, pluralidade, diversidade e representatividade territorial. Con eses obxectivos e os de conformar unha equipa colectiva de traballo, renovación xeracional e activismo en distintos sectores, a Dirección está a traballar nunha candidatura de consenso cuxas 10 primeiras persoas formarían a comisión Permanente, sendo a proposta aprobada:
-Alberte Fernández. Candidato á Secretaría Xeral de Galiza Nova. Pontevedrés, 23 anos, graduado en Historia e especializado en Historia Contemporánea. Participou no movemento estudantil nacionalista a través dos Comités e a Liga Estudantil Galega. Actual responsábel comarcal de Galiza Nova en Pontevedra e membro do Consello Comarcal do BNG.
-Olalla Rodil, Ribeira de Piquín. Deputada do BNG no Parlamento Galego e xornalista. Actual responsábel de Internacional de Galiza Nova.
-Claudia Quintela, Gondomar. Estudante de Filosofía. Participa no movemento estudantil nacionalista en Compostela.
-Miguel Bouzó, Ponteareas. Implicado no asociacionismo local e actual responsábel de Organización de Galiza Nova.
-Rebeca Cambeiro, Ordes. Estudante de antropoloxía, participou na Liga Estudantil Galega e é activista feminista.
-Adrián R. Bravo, Vigo. Traballador do sector da dependencia e sindicalista da CIG.
-Navia Rivas, Boimorto. Doutoranda en filosofía, música. Membro do Consello Nacional do BNG.
-Alberte Calo, Ribeira. Profesional do sector do audiovisual. Actual responsábel de organización comarcal de Galiza Nova en Compostela.
-Elvira Blanco. Bióloga. Actual responsábel comarcal de Galiza Nova na Barbanza, responsábel local do BNG en Ribeira, e membro do Consello Nacional da fronte patriótica.
-Iria Carreira, Arzúa. Médica e activista no movemento feminista.