Na última década celebramos avances significativos en dereitos LGBT+ e na liberación de xénero, conquistas que foron posíbeis grazas á loita colectiva de xeracións enteiras. Porén, ao mesmo tempo asistimos a unha reacción cada vez máis violenta por parte dun sistema que se resiste a desaparecer. O fascismo medra en distintos recunchos do mundo, os discursos de odio normalízanse nos espazos públicos e mediáticos, e a precariedade intensifícase, agudizada polos tambores de guerra, golpeando con máis forza quen non se axusta ás normas impostas. Neste contexto, as identidades disidentes continúan a ser cuestionadas, patoloxizadas e reprimidas. Mais fronte a esta ofensiva, non permanecemos en silencio: erguémonos en rebelión.
O capitalismo impón un modelo de vida baseado na familia nuclear cisheteropatriarcal, unha estrutura que non só exclúe as realidades diversas, senón que tamén as penaliza. As persoas solteiras, as parellas non monogámicas ou as persoas trans sen redes de apoio familiar enfróntanse a maiores dificultades para acceder a vivenda, emprego ou estabilidade económica. A precariedade convértese así nunha ferramenta de control: cando os recursos son limitados, a liberdade redúcese e a capacidade de escapar dos roles tradicionais vese gravemente condicionada.
Ao mesmo tempo, os cánones de beleza inalcanzábeis, promovidos polo aparello sistémico e reproducidos polos medios de comunicación e a cultura dominante, funcionan como outra forma de violencia económica e simbólica. No caso das persoas trans, esta presión maniféstase de maneira especialmente cruel: exíxeselles cumpriren con estándares estéticos e corporais que implican custosos tratamentos médicos para seren socialmente aceptadas, mentres o propio sistema lles nega oportunidades laborais dignas. A autonomía corporal, que debería ser un dereito básico, convértese así nun privilexio reservado a quen pode pagalo.
Nos últimos anos, esta dinámica intensificouse cunha onda reaccionaria que busca reverter os avances conquistados. A proliferación de lexislacións contra os dereitos das persoas trans, os discursos que criminalizan a diversidade sexual e de xénero, e a crecente militarización das sociedades son sinais dun sistema que teme perder o control. Na Galiza o españolismo reaccionario alíase coas forzas conservadoras para defender unha suposta “identidade tradicional” que nunca existiu sen exclusión nin violencia. Esta narrativa pretende borrar a diversidade histórica e cultural do noso pobo.
Porén, a nosa identidade, como galegas, como persoas queer, como suxeitos disidentes, non é negociábel. A historia da Galiza é a dun pobo diverso, atravesado por múltiples formas de resistencia. Non imos permitir que o fascismo nos roube o futuro baixo promesas baleiras de orde e seguridade. Fronte ao medo, respondemos con solidariedade; fronte á opresión, con organización.
A loita pola liberación sexual e de xénero non pode separarse doutras loitas fundamentais, como a loita contra o capitalismo, o colonialismo ou o racismo. A opresión maniféstase de maneira interseccional, entrelazando distintas formas de dominación que se reforzan mutuamente. Por iso, a nosa resposta tamén debe ser interseccional, tecendo alianzas entre movementos e comunidades. Non haberá verdadeira liberación para as mulleres sen a liberación das persoas trans, nin existirá xustiza social mentres persistan as normas de xénero que sosteñen as desigualdades estruturais.
Na Galiza temos a oportunidade (e a responsabilidade) de construír unha alternativa desde a nosa propia realidade cultural e social. Unha alternativa que recoñeza a diversidade como unha fortaleza e non como unha ameaza, que aposte pola vida digna fronte á explotación e pola comunidade fronte ao individualismo. A nosa rebelión é política, económica e cultural. É a rebelión de quen non ten nada que perder máis que as súas cadeas, e todo un mundo por gañar. É a rebelión de quen, desde as marxes, está xa a construír un futuro no que, por fin, caibamos todas.
