Nun país en que a mocidade é tratada como man de obra exportábel, a educación segue a ser unha ferramenta de control antes que un espazo de liberación persoal e colectiva. Na teoría, as escolas deberían ser lugares en que aprender a pensar por nós mesmas, entender o mundo e transformalo —ese pensamento crítico que tan en boca de todos está—. Mais na práctica, o sistema educativo na Galiza está deseñado para calarnos, para adaptar e reproducir as lóxicas dun Estado español alleo á nosa realidade.
Entón, quen educa á mocidade galega? Ao contrario do que debería, non son docentes con estabilidade e compromiso co país, senón persoas precarizadas, que van de centro en centro, sen tempo nin liberdade para construíren unha proposta pedagóxica arraigada e transformadora, pois que posibilidades teñen de innovar se ao ano seguinte —nos casos menos negativos— xa non estarán nese centro? Un estudo da CIG-Ensino do ano 2023 indicaba que os mestres e mestras interinos representaban o 9,2 % do total na Galiza, máis de 2700. A interinidade perpetua; os concursos-oposicións e academias que xogan co tempo e diñeiro da xente por medio dun sistema de selección desfasado, ben como a burocratización impiden que o profesorado novo exerza a súa profesión con dignidade e garantías.
Ao mesmo tempo, as administracións impoñen un currículo uniformador, en que a realidade galega é apartada ou folclorizada, que torna a nosa cultura nunha voz silenciada do currículo con todos os inconvenientes, pois xa dixo Jurjo Torres que a aceptación da propia identidade é unha das principais condicións para saber valorar a dos demais. O galego leva máis dunha década perdendo espazos a raíz do malchamado «Decreto do plurilingüismo» e o marco da lusofonía é unha cuestión esquecida en todos os ámbitos educativos e sociais. Doutra banda, os contidos adaptados brillan pola súa ausencia e a participación real do alumnado é substituída por protocolos e fórmulas ríxidas que converten os centros en empresas e o alumnado en números.
Fálase de rendemento, eficacia, estándares e resultados como se os centros fosen unha liña de montaxe, facéndoos competir entre si por reputación e recursos. Os equipos directivos son tratados case como xestores empresariais. Os informes, grellas, memorias e estatísticas ocultan o feito de que por tras de cada número hai un mozo ou moza cunha historia e contexto detrás. O alumnado pasa de ser un suxeito activo a ser un cliente. Nun sistema así, os valores de cooperación, de reflexión crítica ou a nosa identidade colectiva son substituídos na práctica polo individualismo, a competencia e a reprodución dun sistema neoliberal que nos oprime como clase.
En consecuencia, o avance do modelo educativo neoliberal a partir do proceso de Boloña non só mercantiliza o saber: coloniza o tempo libre do estudantado. A sobrecarga académica, a autoexixencia permanente e a presión pola competitividade consomen o alumnado. Neste contexto, a participación en espazos políticos e movementos estudantís complícase, como organizarse se non queda tempo? O neoliberalismo non ve necesario reprimir: bástalle con esgotar. Fronte a isto, defender o noso dereito ao lecer e á organización é un deber.
Doutra banda esta situación, fronte a unha Consellaría de Educación que fala de cumprir «os principios constitucionais, garantindo a neutralidade ideolóxica», non é neutra: é un proxecto político. Un proxecto que sabe que unha mocidade formada desde a raíz, crítica e orgullosa do seu é perigosa para quen quere unha Galiza submisa e dependente. Por iso, reprímese a tentativa de prácticas educativas alternativas, como se viu coa coacción por parte da Xefatura Territorial de Educación ás escolas de Redondela por participaren no ecofestival Artelixo, nomeado este ano Altrilixo.
Porén, a pesar de todo, existen aínda resistencias: proxectos emancipatorios e autoxestionados como as Escolas Semente, organizacións estudantís que non se resignan, familias do rural que loitan por unha escola digna na súa localidade, docentes que botan man de métodos activos e colectivos, alumnado que decide usar o galego con orgullo e, sobre todo, unha conciencia que medra: a de necesitarmos unha educación ao servizo do pobo e non do mercado.
A pregunta que debemos facer non é só quen educa á mocidade galega, senón para que e para quen se educa. A resposta, se queremos un futuro digno na nosa terra, terá que construíla a propia mocidade organizada.
