Educación sexual para decidir

Os corpos das mulleres foron historicamente obxecto de ocultación, símbolo do pecado. As connotacións negativas que estes adquiriron a través da imposición das ideas patriarcais derivaron na prohibición do pracer femenino , do autocoñecemento e do goce. O desfrute da nosa sexualidade asociouse culturalmente e durante décadas ao estereotipo da femme fatale,  impoñendo o mito da puta e da esposa: no cal a primeira só servía para o sexo subordinado aos desexos do home e a segunda para coidar das crianzas e ser parte imprescindible da familia nuclear. Isto dividiu ás mulleres en boas e malas, en merecedoras e non merecedoras, creando unha confrontación entre moitas de nós por mor da reprodución das ideas patriarcais e o sinalamento de outras.

Mais, ante esta negación do noso placer e a subordinación da nosa sexualidade, o feminismo dixo basta. Deste xeito,comezamos a reivindicarnos como suxeitos de seu, donas do noso propio corpo. Grazas a isto, puidemos falar do que durante décadas fora un tabú: o pracer feminino, as nosas formas de experimentar a sexualidade…

Non obstante, fronte aos avances que representa o feminismo, a dereita segue perpetuando ideas que deberiamos dar por superadas. A proposta do “pin parental” ou a loita contra o aborto e a súa restrición a certos casos, son un xeito máis de limitar a nosa sexualidade e perpetuar as ideas misóxinas que invalidan a información existente e, consecuentemente, a seguridade e o coñecemento.

Neste escenario, no cal os golpes da dereita cara os dereitos das mulleres son cada vez maiores, desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova reivindicamos unha educación sexual de calidade que nos permita decidir conscientemente sobre o noso corpo como paso imprescindible para a consecución dun aborto libre, seguro e gratuíto a dispoñibilidade de todas en todos os centros sanitarios.

Aliás, queremos sinalar a Xunta de Galiza, da man do Partido Popular, como responsábel, tanto da falta de educación sexual na educación pública como da falta de recursos e desmantelamento das interrupcións voluntarias do embarazo na sanidade pública. Sinalamos a Feijóo, Rueda e Comesaña como responsábeis directos, as mozas galegas queremos ter acceso ao aborto na sanidade pública, queremos ter acceso a educación afectivo-sexual no ensino obrigatorio e que deixen de recortar na nosa saúde sexual.

Este 28 de setembro, Día Mundial polo acceso ao aborto legal e seguro, esiximos unha educación sexual universal para superar o estigma, para coñecer os distintos métodos anticonceptivos de cara a ter relacións sexuais seguras e, sobre todo, para que se decidimos abortar non carguemos coa culpa. Reivindicamos, como o feminismo leva décadas demandando: “educación sexual para decidir, anticonceptivos para non abortar, aborto libre para non morrer”.