Portugal volve ás urnas. Artigo Pilar Vázquez

Pilar Vázquez

O próximo 18 de maio as veciñas portuguesas volven ás urnas tras perder a moción de confianza o goberno de Luís Montenegro o pasado mes de marzo. O partido de Montenegro, o PSD, gañara as eleccións de 2024 por só 8 décimas fronte ao PS de Pedro Nuno. Un resultado moi axustado que fixo que o executivo luso tivese que buscar o apoio do PS en ocasións puntuais para sacar adiante proxectos ou políticas como os orzamentos do país. Tamén se pode entender a decisión do primeiro ministro de presentar a moción de confianza como unha xogada para evitar a comisión de investigación pola súa empresa consultora, coñecido xa como o caso Spinumviva.

Auxe da extrema dereita en Portugal e na Europa

Este novo escándalo na política portuguesa está a reforzar o discurso populista do partido de extrema dereita, Chega, que mesmo sacou unha campaña de carteis con fotos de Sócrates (exprimeiro ministro do PS) e Montenegro falando de 50 anos de corrupción no país. Ademais, como advirten as compañeiras da Juventude Comunista Portuguesa (JCP), a acción dos varios gobernos do Partido Socialista que non deron resposta aos problemas da vida cotiá dos portugueses, mantendo o seu compromiso coa política de dereitas, abriu un espazo para a intervención de forzas reaccionarias como o Chega. Entre os problemas que se agudizaron coas maiorías absolutas do PS destacan a fenda —cada vez máis fonda— entre ricos e pobres, a centralización da riqueza producida en mans duns poucos e a degradación dos servizos públicos, especialmente o Servizo Nacional de Saúde —algo que nos soa por desgraza tamén na Galiza—. Tamén advirte a JCP que a campaña antidemocrática está sendo conducida meticulosamente polos centros de decisión e difusión do gran capital que, como sabemos, están a marcar a axenda política tanto nacional como internacional. Estas forzas están usando, ao igual que estamos vendo no resto da Europa, discursos reaccionarios, racistas, xenófobos ou homófobos para moldear a opinión pública. Nese sentido, o partido de extrema dereita está centrando o debate na inmigración, mesturándoa co malestar social. Vamos, un básico xa da extrema dereita tanto na Europa como na política internacional. Non é algo novo e, como acontece en Portugal, no Estado español puidemos e podemos ver como os medios de comunicación ao servizo do capital aproveitan cada ocasión que teñen para póren o foco na inmigración até o punto de que segundo o CIS de abril, a inmigración é o cuarto problema máis importante para os entrevistados, superando a sanidade. O tema da inmigración e o medo ao crecemento do Chega está tendo tanta relevancia no país luso que mesmo levou ao primeiro ministro Luís Montenegro a anunciar a semana pasada a expulsión de 18 000 inmigrantes ilegais antes das eleccións do 18 de maio.

Os valores da Revolução dos Cravos e a mocidade

Isto contrasta co espírito democrático e de liberación saído do 25 de abril que, segundo a JCP, as forzas que foran derrotadas na revolución veñen desenvolvendo unha campaña antidemocrática dirixida a socavar o réxime democrático, en particular a Constitución surxida da Revolução dos Cravos. Os valores promovidos estanse vendo ameazados ante a promoción do individualismo ou nas trabas que se están impondo tamén ás traballadoras para a súa organización e unidade. Ante este panorama, as compañeiras da JCP reivindican que non todo é negativo e que é a través da mocidade, como se puido observar nas conmemoracións do 51.º aniversario da Revolução dos Cravos ou nas marchas estudantís deste pasado mes de marzo, onde se pode observar como se encontran de arraigados os valores democráticos do 25 de abril. Desde o PCP aseguran que farán todo o posíbel para garantir que a Asemblea da República elixa máis deputados exclusivamente comprometidos cos intereses dos traballadores, da mocidade e demais sectores da sociedade que fan todo o posíbel para mellorar a vida do pobo portugués e servir de altofalante a quen loita, traballa ou estuda.

Referencias á Galiza

As implicacións para o noso país ao respecto versan sobre a alta velocidade que uniría ambos os países e, nese sentido, dos dous principais partidos candidatos a gañar estas eleccións, parece que o máis comprometido sería o PS de Pedro Nuno. Doutro xeito, a compañeira e candidata do Bloco, Mariana Mortágua, fixo un pequeno xesto ao noso país falando sobre ALTRI no debate mantido entre o Bloco e o PAN, tachando a empresa como trapalleira en Portugal e que está a promover un proxecto moi contestado na Galiza.

Un resultado incerto

Como todo no mundo das eleccións e das enquisas, o resultado é incerto. O que está claro é que este 18 de maio en Portugal haberá unha maioría conservadora seguindo a tendencia europea e que haberá que agardar para ver se o PS consegue adiantar o PSD de Montenegro e, de ser o caso, se este optaría por deixarlle gobernar ou ben escolle pactar con Chega se lle dan as contas. En calquera caso, mandamos toda a forza á mocidade portuguesa que, ben a través das JCP ou das Jovens do Bloco, están a manter e reivindicar os valores democráticos da Revolução dos Cravos saíndo ás rúas para defender os seus dereitos e que, esperemos, acaden unha boa representación nas eleccións do próximo domingo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *