Un dos signos máis evidentes do fracaso do capitalismo para satisfacer as necesidades da clase traballadora, mesmo nos países do centro do sistema, podemos velo na incapacidade para darlle un futuro digno á súa mocidade. Isto fica plasmado moi claramente na dificultade que teñen as mozas galegas para construír un proxecto de vida propio. Segundo o último barómetro do Observatorio da Emancipación do Consello da Xuventude de España, publicado en 2024, a idade media de emancipación na Galiza superaba os 30 anos, mentres que só ao redor dun 15% das persoas de entre 16 e 30 anos vivían fóra da casa dos seus pais. Unhas cifras inferiores á media do estado e moi por debaixo da europea.
As causas inmediatas deste problema son ben coñecidas por todo o mundo e ocupan continuamente as portadas dos xornais: o elevado paro xuvenil, do 17,4% segundo a primeira EPA de 2026; a alta precariedade laboral, que afecta máis duramente á mocidade, ou a crise da vivenda. A isto súmaselle un prezo medio dos alugueiros que, consonte o Observatorio Galego da Vivenda aumentou en máis dun 160% dende 2014 para o conxunto da Galiza e nun 170% nos concellos de máis de 50.000 habitantes nos que se tende a acumular a poboación moza por motivos laborais ou de estudos.
Con todo, as causas últimas deste proceso son máis complexas e moito máis incómodas. O que se oculta no fondo é unha incapacidade crecente do sistema capitalista para seguir medrando como o fixera ata agora. Unha incapacidade que se plasma na necesidade de aumentar a explotación da clase traballadora baixando cada vez máis os salarios reais e de desviar unha parte do capital cara a inversións non produtivas como a especulación coa vivenda. Malia que, se consultamos as cifras de PIB nominal ou paro semella que a economía mundial xa está recuperada da gran recesión do 2008, o certo é que o sistema capitalista nunca recuperou a capacidade para medrar ao nivel ao que o facía antes da crise. Ademais, deuse tamén a aparición con moita forza de novos competidores no mercado global, como a China, que están a desbancar ás vellas potencias económicas no terreo da producción industrial.
Fronte a isto, as autoridades políticas das grandes potencias capitalistas semellan apostar cada vez máis polos dous únicos parches á crise que manteñen o sistema intacto: en primeiro lugar, entregar ao capital aqueles sectores económicos que ata agora ficaran á marxe
da presión dos mercados para aplacar a conflitividad social. É dicir, a crecente privatización da sanidade, educación, pensións… Ou, noutras palabras, a liquidación do denominado estado de benestar. E, en segundo lugar, ante un período de estancamento económico o sistema precisa de expandirse e recorre á alianza co fascismo para a través do medo xustificar as guerras imperialistas que estamos a ver no mundo nos últimos anos.
Porén, sería un erro pensar que son distintos os motivos que levan aos estados de Europa a buscar o rearme e a reintrodución do servizo militar, aínda que os líderes europeos adornen os seus discursos públicos con mencións á defensa da “seguridade” e a “orde internacional” en vez de falar abertamente de oportunidades de negocio.
A situación na actualidade é, en suma, a dunha agudización da loita de clases, ante un sistema que necesita manter cada vez máis a clase traballadora na miseria para poder sosterse e que necesita privatizar os servizos públicos en interese do grande capital. Con todo, esta agudización non se dá soa e en abstracto. Pola contra, nunha nación dependente, como Galiza, esta crise vai ligada a un endurecemento da explotación colonial á que nos ten sometido o estado español, como podemos ver na volta dos grandes proxectos extractivistas como Altri ou na proliferación de proxectos mineiros na Galiza impulsada polas políticas de rearme da UE. Nas décadas finais do século XX a bonanza do chamado estado de benestar fixera crer a moita xente que a loita de clases era unha cuestión do pasado e tamén que a situación de dependencia da Galiza era unha cuestión puramente cultural. Hoxe, coa crise do estado de benestar, a realidade da explotación volve quedar ao descuberto.
Diante desta situación, as mozas galegas non poden ficar caladas. É preciso organizármonos sendo conscientes de que o noso futuro pasa por mudar radicalmente o presente. Só así poderemos defender os nosos dereitos e os da nosa terra, como vimos de facelo na loita contra Altri. Para gañar a nosa emancipación como mocidade, temos que construír a nosa emancipación como nación e como clase, isto é, loitar pola independencia nacional para construir un mundo máis xusto.
