Emprego digno para os centros de chamadas!

Galiza Nova apoia ás traballadoras e traballadores dos centros de chamadas, que comezan mañá un paro para reclamar un convenio xusto que garanta os dereitos das traballadoras e traballadores deste sector.

Os centros de chamadas son subcontratas que prestan servizos telefónicos a grandes compañías ou administracións públicas. Este é un sector moi feminizado e conta cunha ampla presenza de mocidade. Nel, a maior parte dos contratos son temporais e a tempo parcial, polo que se trata de empregos mal retribuídos.

As mobilizacións nos centros de chamadas, convocadas pola CIG, comezaron despois de que a patronal puxera enriba da mesa uns horarios flexibles nos que o persoal tería que estar a disposición até 60 horas semanais para logo traballar e pagar as fixadas por contrato (20-30).

A situación deste sector non é nova para a mocidade nin para a clase traballadora galega. No ano 2015, o 92,61% dos contratos asinados no noso País foron temporais.  Por iso reivindicamos un marco galego de relacións laborais e concretamente un convenio galego para o sector dos centros de chamadas. Reivindicamos pois a capacidade do noso pobo de decidir por si mesmo, de xeito que o noso traballo e a nosa riqueza reverta sobre a propia Galiza, garantindo un país con igualdade e futuro para a súa mocidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *