Queremos aulas presenciais seguras pero non nestas condicións. Perante o protocolo da Xunta de Galiza en ensino para o vindeiro curso, hoxe as principais organizacións sindicais convocaron unha cazolada nas portas da Consellaría de Educación para reclamar un novo marco de actuación no que se garanta a calidade do ensino ao tempo que a seguranza do profesorado e do alumnado.
A Administración galega, en contra do que fan as súas homónimas do resto do Estado español, non ve pertinente investir os fondos destinados a este eido aos ámbitos que o conxunto da comunidade educativa entende lóxicos: máis profesorado, máis recursos, máis espazos, mellores condicións. Neste sentido, a Xunta de Galiza xogou a súa carta de “todo ou nada”, non aceptando ningunha das peticións dos sindicatos, e culpándoos de irresponsábeis por levantarse da mesa de negociación. Ademais, o Partido Popular ocultou deliberadamente este protocolo ao pasamento das eleccións porque era coñecedor de que non contaría co apoio de ningunha organización do ámbito da educación.
Dito protocolo afirma que a distancia de seguridade dun metro de distancia entre as mesas do alumnado (contando desde o centro dos pupitres, que ven sendo practicamente a distancia que hai entre un e outro nas condicións habituais) é suficiente para evitar contaxios, en contra do que afirman o conxunto dos expertos epidemiolóxicos e o propio Ministerio de Sanidade, que están a recomendar dous metros incluso en espazos abertos.
A peor parte lévaa o alumnado e o profesorado, pois ao entenderdes a Xunta de Galiza o ensino como gasto e non como un investimento, lávase as mans no que responsabilidades ten a ver, e delega absolutamente todo aos equipos directivos dos centros de ensino, amosando unha vez máis que a recentralización do poder arredor destas figuras non garante os principios básicos de democracia educativa, pois volvemos unha vez máis eses valores do Partido Popular onde a xerarquía, mais que desaparecer, acrecéntase con cada nova iniciativa lexislativa.
Desde Galiza Nova apoiamos as mobilizacións sucedidas no día de hoxe a prol dun ensino que, primando a vida (porque cando falamos de saúde falamos de vidas humanas), non desleixe nin a calidade dos ensino nin a innovación pedagóxica en chave social dos centros educativos. Nós tomaremos posición sempre a prol dun ensino democrático que asente os seus valores na participación da comunidade educativa en todos os asuntos que atinxan a esta. O contrario é máis doutrina, máis xerarquía e máis mercantilización do ensino.