Fronte a ofensiva do PP contra as mulleres, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, da que Galiza Nova forma parte, vén de convocar unha mobilización nacional para o vindeiro 9 de marzo para esixirmos a retirada da reforma do aborto coa que o PP vulnera os dereitos fundamentais das mulleres e impón a maternidade, chegando até o extremo de eliminar o suposto de malformación.
Ademais, a Plataforma tamén anunciou esta mañá en rolda de prensa en diferentes localidades do País, a realización de accións sorpresa, debates e mesas informativas e a entrega masiva dunha queixa ao Valedor do Pobo o vindeiro 22 de febreiro.
Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova chamamos á mocidade galega a participar e mobilizarse nos actos programados pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, fronte á lei de Gallardón que non diminuírá o número de abortos, senón que aumentará os abortos clandestinos e de risco, especialmente para as persoas con menos recursos, poñendo a vida das mulleres en perigo.
Esta reforma supón un verdadeiro atentado contra a soberanía dos nosos corpos. É por iso que o 9 de marzo daremos unha lección de dignidade ao Partido Popular!
Soberanas. En nós non manda ninguén!