Dende a súa implantación en 1988 a contaminación da fábrica foi incrementándose e con ela o descontento e a mobilización social, que chegou ao seu máximo cando no 2016 o goberno en funcións do Partido Popular outorgaba outra prórroga de 60 anos para a súa continuidade na ría. Tras as múltiples sentenzas en contra da prórroga de ENCE na ría de Pontevedra, hoxe vimos de coñecer que o Tribunal Supremo acepta o recurso da empresa, avalando así a permanencia da pasteira na nosa ría até o 2073.
Denunciamos así, unha vez máis, a complicidade do poder xudicial cos grandes poderes económicos, unha complicidade que prima aos intereses dos lobbys fronte aos das maiorías sociais nun estado que se fai chamar democrático. Demóstrase ademais que nin a propia empresa nin o PP na Xunta de Galiza tiñan ese plan B que tanto anunciaron porque nunca o precisaron, unha nova corruptela e inmundicia entre todas as que ambos -PP e empresa- veñen perpetrando dende que o dictador Francisco Franco colocou a pasteira na ría vai xa máis de medio século.
Esta prórroga non é máis que un grande negocio para o Partido Popular e para os seus cargos públicos, mentres que para o noso país supón un cancro que o mata progresivamente. O futuro que nos agarda coa permanencia de ENCE na ría de Pontevedra é un futuro sen saúde, sen emprego respectuoso co noso medio e que xestione os nosos recursos de xeito razoábel, sen posibilidade de desenvolvemento para os nosos sectores produtivos, sen salubridade da ría, sen biodiversidade e sen seguridade ante os incendios nos nosos montes que este verán vimos como volvían arrasar o noso país. En definitiva o futuro que nos agarda con 50 anos máis de espolio da nosa ría é un futuro queimado para a mocidade galega e non estamos dispostas a deixar que sexa así.
As mozas e mozos deste país seguiremos en pé na defensa dun país rico, productivo e diverso. A mobilización social ten que ser unha das principais armas contra as decisións inxustas da xustiza española que hipotecan o noso futuro.
A mocidade galega esiximos o peche da pasteira de ENCE como única opción de supervivencia para a nosa Ría e como única vía para recuperar a nosa paisaxe, os nosos bosques, a nosa cidade, o noso ar e a nosa ría.
Ence fóra da ría xa!