ENCE fóra da Ría! Por saúde, traballo e ecoloxía!

934796_10200457005040316_1032464177_nComo cada ano, Galiza Nova participará na Marcha contra o complexo contaminante ENCE-ELNOSA que convoca a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, e que partirá o vindeiro sábado 21 de xuño ás 19.30 horas das Alamedas de Marín e Pontevedra.

O traslado de Ence da Ría de Pontevedra, no actual contexto, é se cabe máis necesario ca nunca, xa que viría a constituír unha importante oportunidade para a xeración de emprego e riqueza na comarca a nivel pesqueiro, ambiental ou turístico, posto que actualmente ENCE-ELNOSA representa só o 0.5% do emprego na comarca.

Concordamos plenamente co manifestado pola APDR en que as intencións de ENCE e ELNOSA pasan por prorrogar a súa estancia na Ría máis alá de 2018 e que conta coa autorización oculta do Partido Popular. De non ser así, non é comprensible que a modificación da Lei de Costas permita a concesión de prórrogas a ENCE de ata 60 anos.

Así mesmo, debemos decatarnos que estas prórrogas supoñen a privatización dun espazo público que debe ser para o desfrute da poboación, fronte ao lucro dunhas empresas privadas que destrúen máis recursos naturais e máis empregos dos que chega
a producir coa súa continuidade.

Así, seguiremos a mobilizarnos na defensa do desenvolvemento sustentábel de Galiza e o respecto polo medio natural e o medio de vida de milleiros de galegas e galegos.