Encontro nacional aberto de Galiza Nova

O próximo sábado, 6 de Abril, Galiza Nova, en colaboración co BNG, organizaremos un Encontro Nacional Aberto de cara aos vindeiros procesos electorais, baixo o lema “É a hora de Galiza” ás 11:30 no Centro Social do Gorgullón de Pontevedra.

As mozas galegas non podemos tolerar mais ataques por parte deste sistema. Os intereses das oligarquías e das grandes trasnacionais, que se encontran defendidos polo Estado Español, atacan ao noso País e a nosa soberanía como pobo co único fin de continuar na obtención de benefícios e gañanzas mediante a explotación dos nosos recursos. Ante isto, a mocidade galega rebelámonos. É hora de facernos donas do noso, e exercer o noso dereito a vivir e traballar na nosa terra.

A xuventude galega vese obrigada a emigrar, buscar unha vida fóra e non desenvolverse no seu própio país, e só seremos nós, defendendo os nosos intereses dende a organización e a contestación, que conseguiremos un futuro digno.

Contaremos coas intervencións de Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG; Carme da Silva, candidata ao Congreso por Pontevedra; Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova e número 6 na lista do BNG ao Parlamento Europeo, e unha representación das compañeiras de Galiza Nova que participan nas diferentes listas electorais das eleccións ao Parlamento Europeo, eleccións Xerais e Municipais.