[ENSINO] NON AO ABANDONO DAS ESTUDANTES

O pasado mércores 15 de abril o goberno central do Estado español anunciaba a suspensión definitiva do curso académico presencial debido á excepcional situación provocada polo COVID-19. O remate do mesmo, afirmouse en rolda de prensa, será nos tempos e formas acordados desde un principio, sendo as ferramentas dixitais os mecanismos que permitirán seguir traballando ata xuño. A través da teledocencia quérese aproveitar o resto do ano escolar na “diagnose e avaliación continua do alumnado e do Sistema Escolar”, e posteriormente reforzar a dimensión educativa mediante actividades lúdicas no verán, previsibelmente, nos propios centros de ensino cando rematen as medidas de distanciamento social. 

Desde Galiza Nova entendemos que se trata dunha situación excepcional e que todas as medidas deberían estar sempre orientadas a garantir, por unha banda, o benestar físico e mental do conxunto da poboación, e pola outra, os seus dereitos fundamentais. A nivel educativo pensamos que as propostas deberían ir encamiñadas estabelecer plans e programas de desdobre, acompañamento e reforzo educativo  ao comezo do seguinte curso (2020/2021), o que evidentemente non é viábel se non hai un aumento considerábel do número de profesionais nos centros e nas aulas. Obrigar a asistir ao centro de ensino durante o período de verán (ou discriminar pola imposibilidade de chegar ao mesmo) non cumpre os mínimos para poder afirmar que neste país se cumpre o dereito á educación nin a igualdade de oportunidades. 

Do mesmo xeito, entendemos que a realidade educativa do noso país posúe características de seu, e que a Consellería, aínda tendo as competencias, non está a realizar ningún tipo de avanzo na adaptación das medidas que veñen directamente asinadas desde o Estado español, o que visibiliza unha vez máis que estamos a falar dun goberno que carece de sentido da iniciativa e prefire deixar a toma de decisións en mans alleas.

Porén, no ensino universitario atopámonos unha diversidade de situacións e problemáticas se cadra maior, en canto a universidade, campus, ciclo, rama de coñecemento… Todo partindo da base de que a totalidade das estudantes teñen acceso aos seus apuntamentos, xa que nalgún caso estes son físicos e non hai posibilidade de desprazarse a recuperalos. O principal obstáculo co que se están enfrontando as estudantes galegas é a incerteza, tanto de poder adquirir os contidos e competencias, como de poder ser avaliadas e promocionar axeitadamente. Mais en calquera caso entendemos que as integrantes do SUG deberían ter as ferramentas e capacidades para poder garantir unha docencia telemática que siga respectando os principios de igualdade de oportunidades e dereito á educación. O que se decida no nivel universitario ten que pasar por reducir ese grao de incerteza no estudantado, evitando formular solucións curtopracistas condicionadas a unha hipotética saída previa do estado de confinamento actual. Por iso, cremos desde Galiza Nova que o sistema de avaliación non pode depender de saír nun mes ou noutro do estado de alarma, senón que se terán que artellar iniciativas nas que os procesos avaliativos sexan xustos, e no que independentemente da nosa situación económica, familiar e/ou xeográfica poidamos acceder, primeiro a ser avaliados, e despois, a promocionar. 


Finalmente, pensamos que tanto no ensino universitario coma no non universitario, o diálogo debería ser o instrumento das Administracións para dar unha resposta eficaz e eficiente á crise educativa causada polo COVID-19, pois só contando cos puntos de vista das persoas directamente implicadas seremos quen de artellar como pobo e sociedade, unha resposta de país que sexa xusta, non discriminatoria, e na que se garantan os dereitos das estudantes. O Ministerio de Educación ten unicamente competencias organizativas e de currículum, polo que a inmensa maioría dos elementos que vertebran os sistemas educativos dependen das Consellarías de Educación, que no caso galego semella que, voluntaria ou involuntariamente, a pasividade e a inacción son norma.