Recollemos a entrevista a Alberte Fernández, secretario xeral de Galiza Nova no programa Galicia por diante da Radio Galega. Nela explica que entrou a militar no BNG con tan só 16 anos porque sentía desexos de cambiar as cousas. Dende entón estivo implicado nas medidas impulsadas pola formación ata chegar a líderar a organización.
“Hai unha nova conciencia; logo das últimas eleccións, máis xente se está afiliando ao BNG”
Preguntado pola situación actual da formación, Alberte Fernández admite percibir un cambio na militancia do BNG logo da elección de Ana Pontón como voceira nacional. “Ana foi capaz de activar un tempo novo no nacionalismo”, destaca. Nesa liña, o secretario xeral de Galiza Nova insiste en que nos últimos tempos ve unha nova onda de simpatía cara ao nacionalismo galego: “Hai unha nova conciencia; logo das últimas eleccións, máis xente se está afiliando ao BNG”.
Fernández explica que unha das claves desta nova etapa foi o cambio na mensaxe: “No ideolóxico segue sendo a mesma, pero agora explicamos mellor como as políticas do BNG poden afectar no día a día da xente” e pon como exemplo a loita pola baixada das peaxes da AP-9, “que as galegas e os galegos notan a diario nos seus petos”.