Publicamos a entrevista realizada a Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova no último número do Mocidade!
Alberte Mera: “O futuro da mocidade galega pasa por dotarnos de capacidade de decisión”
Entrevistamos neste número do Mocidade a Alberte Mera García, o novo Secretario Xeral de Galiza Nova, elixido na XII Asemblea Nacional da organización xuvenil nacionalista celebrada en novembro de 2012. Alberte (Vigo, 1987) realizou estudos de audiovisual, sector no que ten traballado profesionalmente e realizado investigacións académicas. Comezou no activismo social e político a través da propia Galiza Nova e dos CAF (Comités Abertos de Facultade) na Universidade de Vigo. Conversamos con el sobre as problemáticas da mocidade galega e os retos do nacionalismo.
Como encaras esta nova resposabilidade?
Asumín a secretaría xeral de Galiza Nova con moita ilusión e responsabilidade pois a mocidade galega está a vivir un tempo de enormes dificultades. As políticas do PP están a acabar coas espectativas da xente moza. Hai moito polo que loitar e traballar pois moitas son as frontes abertas. Mais a mocidade de hoxe é cada vez máis consciente e reivindicativa e moitas son tamén as posibilidades, se loitamos, para conserguirmos un futuro digno.
Após a Asemblea Nacional do pasado mes de novembro, cales son os retos de Galiza Nova para este período?
Continuar organizando á mocidade galega para facer fronte ás agresións que estamos a padecer derivadas da crise sistémica e das consecuencias das políticas neoliberais dos gobernos español e galego. Queremos por tanto organizar á mocidade para loitar polos nosos dereitos e conquistarmos un futuro mellor.
Nese senso, cales son as dificultades que atravesa a mocidade deste país?
A realidade actual da xuventude está enormemente condicionada pola falla de expectativas de vida na propia terra. Os índices de desemprego sitúanse xa en máis do 50%, é dicir, máis de 80.000 mozas e mozos non teñen traballo nin expectativas de conseguilo. Perante isto, o único que nos ofrece Feijóo é collermos as maletas e marchar fóra da Galiza. Estamos diante dun verdadeiro éxodo que deita cifras dramáticas. Nos últimos anos, 77 persoas ao día de entre 18 e 35 anos tiveron que deixar o país para procuraren un futuro profesional. Moitas veces falamos de cifras e cifras, mais pensemos que esta media supón que un autobús marcha do noso país cheo de mozas e mozos cada día. Doutra volta condenan ao pobo galego á emigración malia as enormes capacidades produtivas do noso país. Ademais, o pouco traballo que hai é precario, con soldos miserentos e nunhas condicións cada vez de maior explotación, froito das reformas laborais aprobadas polos gobernos do PSOE e do PP.
Cales son as alternativas que defende Galiza Nova para reaxir a esta realidade?
Hai que rachar coa idea de que Galiza é pobre. Iso é mentira. Ao contrario do que se nos fai crer, Galiza posúe moitas capacidades produtivas. Mais precisamos poder decidir sobre elas, podermos decidir por nós mesm@s. O futuro da mocidade galega pasa por nos dotar de capacidade de decisión, para levar a cabo políticas propias acaídas á nosa realidade e defender os nosos postos de traballo, para decidirmos non aplicar as medidas da Troika, para decidirmos por nós propias e nós propios e pór en marcha o desenvolvemento dos nosos sectores produtivos. Neste senso, Galiza precisa un Estado propio para rachar coas políticas impostas por Madrid e Bruxelas que nos están a arruinar. Vémolo, por exemplo, no sector naval que malia as súas potencialidades, está a ser destruído como consecuencia das decisións políticas adoptadas por unha UE ao servizo da ditadura dos mercados. Mais isto non acontece só co naval, pois tamén están a impedir ás e aos nos@s gandeir@s vivir do que producen e ao noso sector mariñeiro traballar.
Como pode a mocidade mudar o presente?
As mozas e os mozos somos conscientes da dura realidade pois somos un dos colectivos máis prexudicados pola crise. De aí que a xente moza estea a saír á rúa a loitar a polos nosos dereitos. Estamos fart@s, e para mudar o presente hai que rebelarse!
Galiza precisa un Estado propio para rachar coas políticas impostas por Madrid e Bruxelas que nos están a arruinar
Como?
Organizándonos. Os dereitos conseguidos ao longo da historia non foron logrados de maneira individual senón que son froito da loita colectiva que deron as xeracións anteriores. Os poderosos sábeno ben, por iso nos inxectan desde o ensino até nos medios de comunicación o individualismo feroz propio da ideoloxía dominante. Por iso, desde Galiza Nova traballamos para unir e organizar á mocidade galega contra os ataques que padecemos e a prol do dereito a unha vida digna e na terra.
Mais, moita xente moza séntese frustrada perante o difícil contexto actual…
Estamos indignad@s con este sistema, con que a crise a paguemos quen non a causamos… Mais desde o sistema quérennos facer crer que non hai alternativa, que todo é culpa nosa por vivirmos por enriba das nosas posibilidades –desde logo, comer tres veces ao día debe ser un vicio (ironiza)-. Mais o PP sabe que a xente está disposta a defenderse e é por iso que nos inoculan o discurso de “todos son iguais” desacreditando os movementos políticos e sociais que representan unha verdadeira alternativa. Condenan o nacionalismo e criminalizan a nosa resposta social desde os medios de comunicación do poder, con sancións administrativas e xudiciais para desmobilizarnos… Queren converter a indignación da mocidade en frustración, mais non o van conseguir. Para iso imos continuar traballando arreo, para que esa indignación se converta en rebelión.
Son moitas as frontes abertas para a mocidade, de feito, Galiza Nova toma parte de numerosas plataformas…
Si, desde o ensino até a sanidade pública. Moitas son as persoas que están a ser expulsadas da universidade cuns prezos de matrícula cada vez máis inasumíbeis, o encarecemento dos materiais de estudo, a redución das bolsas e axudas… Os recortes do Partido Popular desde a Xunta e Madrid, están a golpear directamente ás clases populares nun momento en que cada vez están máis empobrecidas. Neste senso, as mozas e mozos non somos alleos a esta realidade polo que desde Galiza Nova traballamos a prol dunha resposta forte e propia contra estes ataques participando na creación de diversas iniciativas sociais como a Plataforma galega en defensa do ensino público ou a Plataforma galega polo dereito ao aborto, fronte á imposición da ideoloxía máis reaccionaria e facha do PP que pretende impor a maternidade ás mulleres.
Como ves a Galiza do futuro?
Como dixen ao comezo, están espertando as conciencias e abríndose moitas posibilidades para un futuro mellor. De seguro que imos conquistar o noso futuro. E como vexo ese futuro? Pois moi lonxe deste Estado español putrefacto e da súa monarquía anacrónica e parasitaria. Estou certo que conseguiremos un futuro de xustiza e igualdade na República da Galiza.